A semana comeza con sol para as Rías Baixas, aínda que a choiva seguerá presente algún día casual
Este luns 22 de febreiro Galicia quedará nunha situación intermedia entre altas e baixas presións, según os datos de MeteoGalicia. Os ceos estarán despexados en xeral, con néboas matinais en comarcas do interior. Pola noite haberá unha entrada de nubes baixas polo oeste. As temperaturas mínimas estiveron en moderado descenso, arredor dos 3º en Pontevedra e 7º en Vigo; mentres que as máximas experimentarán un lixeiro ascenso, sobre os 16º. O vento soprará de compoñente sur, frouxo en xeral, aumentando a moderado de xeito progresivo, con intervalos fortes no litoral atlántico.
Para a xornada do martes Galicia terá de novo unha situación entre altas e baixas presións, cunha fronte achegándose lentamente polo Atlántico. Deste xeito, agárdanse ceos con máis nubes canto máis ó oeste de Galicia, con posibles orballois no litoral. As temperaturas experimentarán un ascenso, chegando ata os 17º; aínda máis acusado nas mínimas, que poderán chegar aos 9º na zona de Pontevedra. Os ventos soprarán de compoñente sur, fortes no litoral atlántico.
Durante o mércores unha fronte atravesará Galicia, deixando ceos moi nubrados na franxa atlántica. As precipitacións comezarán polo noroeste de Galicia e iranse estendendo ó resto do territorio ao final da xornada. As temperaturas non terán cambios significativos, manténdose entreo os 10º e os 18º. Os ventos soprarán de compoñente sur, fortes no litoral atlántico.
O xoves Galicia aínda terá certa inestabilidade atmosférica. Polo tanto, o ceo estará parcialmente nubrado en xeral con precipitacións pola mañá, e remitindo co avance da tarde. As temperaturas descenderán moderadamente, cunhas mínimas de 9º; aínda que máis acusado ese descenso nas máximas, que rondarán os 16º. O vento soprará intenso entre o norte das Rías Baixas e Estaca de Bares.
Agárdase para os vindeiros días unha alternancia de períodos de ceos moi anubrados con outros con nubes e claros, aínda que ocasionalmente poderán atoparse pouco anubrados ou despexados. As temperaturas mínimas experimentarán un ascenso moderado estes días, mentres que máximas non suporán cambios significtivos. En canto ó estado da calidade do aire, manterase admisible en termos xerais.
Nunha previsión a medio prazo, o predominio de influencia anticiclónica co que comezará a vindeira semana perderase a mediados da mesma, con probabilidade alta de choivas, e con baixa probabilidade de cara ao final da semana. As temperaturas non experimentarán cambios significativos neste período.