O PSOE de Barro lanza unha campaña en apoio ao comercio local
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Socialista de Barro lanzou unha campaña nas súas redes sociais para apoiar aos comercios locais cun sorteo de vales compra.
O portavoz do PSOE en Barro, José Sanmartín sinalou que durante a segunda onda da pandemia, "Barro viuse máis afectado pola súa situación xeográfica, ser limítrofe con Pontevedra, que polo número de casos positivos".
Sanmartín lembra que no mes de novembro "incomprensiblemente fóronlle impostos peches perimetrais e restricións na hostalería cunha incidencia a 14 días de entre 1 e 9 casos". Tras unha paréntese duns días, en decembro volveron as limitacións de mobilidade e as restricións horarias, coincidindo cun repunte de positivos, chegando a unha situación grave a mediados de decembro, cunha incidencia de 1.000 casos por 100.000 habitantes.
O grupo municipal do PSOE alerta que o comercio local, que se nutre en gran medida de clientes doutros municipios, está a verse "moi prexudicado polas restricións sanitarias".
"Nós somos conscientes de que as medidas hai que tomalas para saír canto antes e da mellor maneira posible desta pandemia", afirma Sanmartín Soto.
O que pretende o grupo Socialista con esta campaña é apoiar ao comercio local usando fondos propios da agrupación para un sorteo de 4 vales de 25 euros a gastar nos establecementos comerciais de Barro, explica o portavoz do grupo socialista, José Sanmartín. Esta campaña repetirase coa hostalería e coas empresas profesionais, como talleres, carpinterías e industria en xeral.
Os socislistas de Barro insisten na súa intención de "colaborar en todo o que podemos desde unha oposición construtiva que en momentos de crises como este debe aflorar máis sen personalismos nin partidismos".