A borrasca Karim deixa pequenas incidencias ao seu paso polas Rías Baixas
Por Oskar Viéitez
As alertas de nivel laranxa decretadas nas últimas horas no mar, por choivas e vento foron a causa pola que no 112 Galicia se rexistraran un total 220 incidencias entre as 12:00 horas do venres ata as 08:00 horas desta mañá.
Se ben ningunha das incidencias resultou ser de gravidade, unha vez mais, foron as caídas de árbores e a retirada de obxectos desprazados nas vías as tipoloxías que mais se repetiron.
Por provincias, a da Coruña foi a que levou a peor parte, cun total de 104 incidentes rexistrados, a provincia de Pontevedra cun total de 89, seguida a de Lugo con 17 e por último a de Ourense cun total de 10 incidencias rexistradas no período anteriormente establecido.
O Concello de Pontevedra tivo activados os servizos de emerxencia coa concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, á fronte.
Segundo informaron, entre as incidencias rexistradas na noite do 19 ao 20 de febreiro está unha cama elástica que aterrou cortando un carril da PO-223 a la altura da Piolla (Lérez).
Houbo colectores caídos en: Amado Carballo, San Amaro, Grecia. Ademáis houbo unha uralita desprendida en rúa Torre 5, tellas desprendidas na rúa Faustino Santalices, unha árbore caída en Areas Mourente (Uned) e en Campañó, Vilar (Ponte Sampaio), cables de telefónica desprendidos en Tomeza, chapas laterais de edificio da rúa Estrada 26 e colectores caídos en distintas rúas.
O Concello de Sanxenxo informou das incidencias da borrasca Karim no municipio que se resumen na caída dun cable de teléfono en Soutullo (Noalla), a caída da tea do peche do aparcamento de autocaravanas en Canelas (Adina), dun sinal na Franca (Dorrón), do cable do teléfono en Casal (Nantes), dunha rama dun piñeiro na curva do paseo de Baltar preto do Restaurante Mardivino (Portonovo) e tamén houbo que asegurar unha tapa de metacrilato na avenida de Vigo.
No Concello de Poio a agrupación de voluntarios de Protección Civil e operarios municipais retiraron un poste caído no lugar de Xuviño e unha árbore esborrallada no Vao de Arriba. Tamén tiveron que retirar outra árbore en Raxó. Ademais, pola noite caeu un farol da fachada dunha casa que dá á Praza da Chousa, nas escaleiras do Peirao de Rial.
En Ponte Caldelas operarios municipais traballaron toda a mañá para devolver a normalidade ás estradas do municipio afectadas por numerosas árbores caídas polo temporal de vento desta noite.
No Grove, a brigada local de Emerxencias tivo que asegurar o cartel dun restaurante do paseo marítimo, parte da cuberta dun chiringuito de verán saíu despedida en Pedras Negras e na parroquia de San Vicente do Mar caeu un farol e o vento derrubou un muro.
En Cambados un piñeiro esborrallouse en Oubiña e ao caer contra o tendido eléctrico rompeu tres postes da iluminación pública. Ademais o vento rompeu ramas no parque de Torrado.
En Vilanova de Arousa, no Terrón un piñeiro esborrallouse nunha leira privada e caeu sobre un turismo estacionado ao que provocou danos importantes na súa parte frontal. Os servizos de emerxencias acudiron tamén a retirar árbores tiradas en pistas e estradas das Aceñas. O río Umia volveu desbordar ao seu paso por Baión.
En Vilagarcía esborrallouse a pedra dunha xanela na rúa Doutor Tourón danando levemente un vehículo que estaba aparcado. Desprazáronse contedores do lixo en Moreira Casal, Rosalía de Castro e Agustín Romero. E caeron árbores na Galufa e no peirao do Ramal.