Sanxenxo e O Grove prevén iniciar tras o verán os proxectos para ser destinos turísticos intelixentes
Por Oskar Viéitez
Sanxenxo e O Grove darán luz verde nos próximos días aos pregos dos distintos proxectos incluídos finalmente dentro do programa Red.es como destinos turísticos intelixentes.
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín e o o alcalde do Grove, Jose Cacabelos, mantiveron o pasado venres unha reunión por videoconferencia coa consultoría encargada de elaborar os pregos do programa Red.es na que tamén estivo e o xerente da Mancomunidade, Ramón Guinarte.
Durante a reunión ambos os alcaldes coincidiron na necesidade de poñer en marcha "canto antes" as iniciativas.
A proposta "Sanxenxo e O Grove: Polos Turísticos Intelixentes", dotada con 1,4 millóns de euros, persegue profundar no coñecemento do turista, implementar solucións tecnolóxicas para xestionar a saturación do destino nos meses estivais e mellorar a eficiencia na xestión e prestación de servizos públicos con alta incidencia no visitante.
Entre as accións que levarán a cabo en Sanxenxo destacan o reforzo de seguridade e control dos espazos públicos a través dun sistema de cálculo de terminais móbiles, un sistema de videovixilancia en estradas e monitoraxe de praias.
Unhas iniciativas que permitirán a vixilancia de espazos e a limitación de aforo, se fose necesario, en eventos que se celebren no municipio.
Tamén se colocarán 15 cámaras de tracking de vehículos que axilizará o control das entradas e saídas de coches e mesmo establecer alertas de matrículas por parte da Policía Local.
En canto ao control de afluencia de praias, Sanxenxo levará a cabo un proxecto piloto en Silgar que permitirá coñecer de forma precisa a afluencia da praia, as horas con maior número de persoas… Toda esta información aparecerá recollida nunha pantalla que se poderá ver desde o propio areal.
O proxecto inclúe tamén a instalación de pantallas informativas sobre a dispoñibilidade de aparcamentos e o estado do tráfico que permitirán ao condutor buscar roteiros alternativos ou a que estacionamento con prazas libres debe dirixirse.
Dentro do programa Red.es inclúese unha aplicación móbil turística desde á que se poderá acceder a todos estes datos relevantes tanto para veciños como turistas que, á súa vez, tamén se recollerán nunha páxina web tamén contemplada nesta iniciativa.
Nunha clara aposta pola mobilidade sostible Sanxenxo contará cun sistema de alugueiro de bicicletas con dúas paradas de 20 unidades cada unha en Sanxenxo e Portonovo. As bicicletas estacionaranse nunha marquesiña pechada para evitar actos vandálicos e os usuarios deberán acceder a través dun código. O proxecto inclúe ademais a implantación de wifi en ata 35 puntos das distintas parroquias do municipio.
Relacionadas:
-
Empezan a instalar puntos wifi gratuítos e cámaras para o cálculo de persoas na praia de Silgar
Por Redacción |
-
Sanxenxo probará a próxima semana os puntos wifi, o cálculo de dispositivos e as cámaras
Por Redacción |
-
Sanxenxo e O Grove unen esforzos tecnolóxicos e ambientais para ser 'Destinos Turísticos Intelixentes' en 2022
Por Redacción |
-
A Deputación participa no proxecto europeo Greentour
Por Redacción |
-
Sanxenxo propón incluír no proxecto 'red.es' o cálculo de persoas móbiles en puntos de especial afluencia
Por Redacción |
-
O goberno local de Sanxenxo pretende instalar cámaras para controlar o tráfico
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo e O Grove avanzan nun proxecto conxunto como destinos turísticos intelixentes
Por Redacción |