Ramón Vidal, reelixido secretario comarcal da unión de UXT Pontevedra-Arousa
Por Redacción
O Congreso da Unión de UXT de Pontevedra, Arousa e Deza reelixiu, cun cen por cento dos votos, a Ramón Vidal Trillo como secretario xeral.
Así mesmo, María Pazos Brea foi elixida secretaria de Organización; María Teresa Filgueira Prol estará ao fronte da Secretaría de Administración; e Estrella Fernández Buján, na Secretaría de Formación.
Óscar J. González González estará a cargo da Secretaría de Acción Sindical; Encarnación Cochón Moledo, da Secretaría de Atención aos Afiliados e Igualdade; Javier Gayoso Collazo da Secretaría de Innovación, Medio Ambiente e Saúde Laboral e, por último, José Vázquez González será o delegado de UGT en Arousa.
Durante o congreso celebrado este venres analizaron a situación actual e coincidiron en urxir a derrogación da reforma laboral, a suba do salario mínimo ou que calquera modificación do actual sistema de pensións ten que pasar pola derrogación da reforma do ano 2013.
Igualmente apostaron porque os fondos de recuperación da UE sexan aproveitados para apostar por un cambio e un novo modelo produtivo para o país e tamén coincidiron nun firme recoñecemento cara o papel dos traballadores e traballadoras nesta pandemia, sobre todo, aqueles que estiveron ó fronte nos momentos máis complexos. También recoñeceron o traballo que están a facer na actual conxuntura os e as representantes do Sindicato.
Por outra banda, Ramón Vidal insistiu en que unha saída xusta da crise obriga a situar ós servizos públicos no centro das políticas e plans de recuperación tras a pandemia.
Ramón Vidal recoñeceu o esforzo dos traballadores dos servizos públicos na loita contra o virus e destacou que as administracións, tanto central como autonómica, aínda non adoptaron todas as medidas necesarias, como a contratación de máis persoal sanitario e de atención ós maiores, máis profesores ou reforzar algúns ámbitos como o SEPE ou a Seguridade Social.