Pontevedra, sede dun novo equipo de investigación sobre economía sostible
Por Redacción
Fichaxe de primeiro nivel o que vén de facer o campus de Pontevedra. O investigador italiano Mario Pansera, un dos gañadores da bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación, estará á fronte dun ambicioso proxecto que terá a cidade como sede.
Ao longo dos cinco próximos anos será o líder do proxecto Prospera, un traballo financiado con 1,5 millóns de euros para avanzar en materia de economía sostible e xustiza social.
Este equipo aspira a reunir unha decena de investigadores, que se instalarán no campus de Pontevedra baixo a denominación Post-growth Innovation Lab. Todos eles manterán unha liña directa de traballo co resto de universidades europeas e africanas implicadas neste proxecto.
Casado cunha galega, o arraigo familiar fixo que Mario Pansera pensara na posibilidade de instalarse profesionalmente en Galicia. Foi entón cando comezou a interesarse polos grupos de investigación que podía haber afíns á súa investigación nesta comunidade.
Este enxeñeiro de telecomunicacións, que ten un mestrado en Economía e Xestión da Innovación, está especializado na transición ecolóxica e sostible e na crítica ao concepto tradicional de crecemento e desenvolvemento económico.
O estudo, que inclúe traballo de investigación en diferentes países, ten como obxectivo desenvolver un marco conceptual alternativo á formulación actual da economía circular.
Entre outras preguntas tratarase de responder a como deberían funcionar as organizacións, tanto públicas como privadas, nun sistema que non se base nun crecemento sen fin; que niveis de complexidade tecnolóxica se poderían alcanzar nunha economía que non está obsesionada en incrementar indicadores monetarios como o produto interior bruto, ou que políticas, infraestruturas e formas organizativas se precisan para este novo paradigma de innovación.
"O desafío é interromper e socavar crenzas ben establecidas sobre o progreso e a modernidade que transformaron a idea de crecemento económico sen fin nunha meta per se", explica o investigador, que considera que é unha tarefa de "alto risco" porque todas as economías modernas están deseñada para maximizar o crecemento.
Desde este punto de vista, considera "probable " que unha reconfiguración do sistema económico cara un paradigma de poscrecemento atopará a oposición das elites académicas, industriais e políticas que se benefician e promoven a ideoloxía do crecemento.
Relacionadas:
-
Pontevedra envórcase con Mario Pansera: "na investigación, no medio ambiente e no crecemento sostible está o futuro"
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Científicos pontevedreses identifican na xudía común un xene que determina onde e cando cultivala
Por Redacción |
-
Drons e satélites para detectar lixo mariño na ría de Pontevedra
Por Redacción |