Sanidade fará un cribado en Marín entre a veciñanza de 30 a 65 anos
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os cribados que está a realizar a área sanitaria de Pontevedra para detectar portadores asintomáticos da covid-19 chegan a Marín. Será a partir deste martes 23 de febreiro.
Sanidade convocará a 12.763 habitantes, todos eles homes e mulleres de 30 a 65 anos, segundo informa o SERGAS. O cribado será na Praza de España. Inicialmente o Concello de Marín apuntou que a convocatoria era para a poboación dunha idade diferente.
Nos próximos días os cidadáns que van a ser convocados a este cribado recibirán unha chamada do Servizo Galego de Saúde para citalos para estas probas con test de saliva, que se estenderán ata o sábado día 27.
Para participar no cribado, en todo caso, os pacientes terán que ter médico nun dos centros de saúde de Marín, non ter dado positivo por PCR nos últimos tres meses nin participar noutro cribado destas características desde hai quince días, entre outros requisitos.
O Sergas disporá dun equipo de catorce persoas, baixo a coordinación de persoal médico, que traballarán en seis equipos para a entrega de material e a recollida de mostras.
As carpas nas que se realizará este cribado comezarán a montarse ás nove da mañá do luns, polo que tamén haberá certas restricións na zona.
Así, a Policía Local de Marín preparou un dispositivo especial de tráfico para facilitar o máximo posible a participación no cribado e evitar atascos.
Estableceranse dous fluxos de tráfico, un para a entrega de material por parte dos equipos á cidadanía e outro para a recollida de mostras nas carpas. Ademais, habilitarase un acceso peonil específico para facilitar o tránsito á veciñanza que vaia facer o cribado a pé.
Ademais, a partir do luns ás 07.30 horas da mañá estará prohibido aparcar na parcela de Praza de España. No que respecta á actividade do porto, a Autoridade Portuaria anunciou que o acceso da Praza de España permanecerá pechado nos días que dure o cribado, entre as 08.00 e as 19.00 horas, concentrando deste xeito a entrada ao porto pola súa porta principal.
Relacionadas:
-
Unha muller e un home, de 87 e 86 anos, novas vítimas por covid-19 en Montecelo
Por Redacción |
-
Pontevedra baixa por primeira vez desde hai un mes dos 300 casos activos por covid-19
Por Alejandro Espiño |
-
Un gromo de covid-19 no IES A Xunqueira I obriga a confinar cinco aulas
Por Redacción |
-
O Sergas prepara un novo cribado poboacional, en Mosteiro esta fin de semana
Por Redacción |