Bueu repartirá envases de cartón entre a hostalaría para reducir o uso de plásticos
Por Oskar Viéitez
O Concello de Bueu repartirá envases de cartón entre a hostalaría bueuesa, unha iniciativa que parte das concellarías de promoción económica e de medio ambiente, dirixidas por Silvia Carballo e Xosé Leal.
O proxecto pretende contribuír a reducir os plásticos e a fomentar produtos de compra verde, que sexan respectuosos medioambientalmente e que a cidadanía poderá depositar no colector azul destinado a papel e cartón; doutra banda, o obxectivo tamén é axudar a un dos sectores económicos máis afectados con motivo da pandemia da Covid-19.
Dende o goberno local "tentamos axudar a un dos sectores máis damnificados por esta crise e que na actualidade está tendo gastos derivados da mesma", apunta Silvia Carballo, quen avanza que se continúa traballando na tramitación de liñas de axudas para a hostalaría. Na mesma liña intervén Leal, quen salienta que "se trata de reducir os plásticos, promovendo políticas transversais en todas as accións do goberno para o cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030".
Iria Rey, técnica en xestión de biorresiduos do Concello de Bueu, salienta que con esta iniciativa adáptanse á futura Lei de Residuos e Solos Contaminados, pendente de aprobación, e que establece a obriga de limitar os produtos de plástico dun só uso tales como vasos para bebidas (incluídos tapas e tapóns) e os recipientes para alimentos.