Poio propón unha reunión entre Portos, Culturmar e a Consellería de Cultura para falar das embarcacións tradicionais
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio solicitará á Xunta de Galicia unha reunión conxunta entre Portos, Culturmar e a Consellería de Cultura, co obxectivo de acadar unha solución definitiva que garanta a entidades sen ánimo de lucro a utilización de instalacións portuarias, en favor do mantemento e divulgación da tradición mariñeira.
Esta petición realizarase logo da reunión mantida o pasado xoves 18 de febreiro con responsables do Club Mariño A Reiboa, que fai uso duns amarres no Peirao da Chousa desde hai unha década.
Os representantes da agrupación local trasladaron a súa preocupación aos catro grupos da Corporación polo cobro, por parte de Portos de Galicia, da taxa X-5, a cal se aplica ás embarcacións de recreo, pero que, no caso de colectivos como A Reiboa, que realizan un labor totalmente altruísta en canto a promoción, difusión e conservación deste patrimonio se refire, acaban sendo custes totalmente inasumibles e que poñen en perigo o seu futuro.
Neste encontro telemático participaron a tenente de alcalde, Chelo Besada; a edil de Turismo e Participación Veciñal, Silvia Díaz; a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, e a responsable de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, ademais do voceiro do PP, Ángel Moldes.
Tanto os representantes do Goberno local, formado por BNG, PSOE e Avante Poio, como o resto de participantes na reunión coincidiron na necesidade de ir da man á hora de instar á Administración autonómica a que non aplique esta taxa a clubs como o da Reiboa, que leva varios anos desenvolvendo traballos e iniciativas que resultan "indispensables" no que á difusión da historia das embarcacións tradicionais se refire.
O CM A Reiboa advirte que, logo da renovación da autorización de ocupación, Portos reclama o cobro desta taxa, cuxa contía anual ascendería a 1.500 euros, unha cantidade inasumible para unha entidade sen ánimo de lucro como a poiense.
PARLAMENTO GALEGO
O BNG, a través do deputado Luís Bará, levará as demandas do Clube Mariño "A Reiboa" ao Parlamento Galego, "para que poida continuar co seu grande labor na conservación e promoción deste grande patrimonio vencellado á tradición mariñeira de Combarro".
Este xoves o Bloque mantivo unha reunión telemática con responsables do Clube Mariño "A Reiboa" para analizar a situación do pantalán de embarcacións tradicionais existente no Peirao da Chousa.
"Dende o BNG queremos salientar a importancia deste espazo pola súa función social e como recoñecemento formal da súa existencia e polo seu valor social e cultural", declararon.
O pleno do Concello de Poio aprobou no mes de xaneiro, por unanimidade, unha moción na que se urxe a Portos a articular medidas que resolvan de xeito definitivo este problema e se recoñeza a singularidade cultural destas embarcacións.
Relacionadas:
-
Portos de Galicia e o Concello regularán os aparcadoiros nos peiraos de Raxó, Covelo e Combarro
Por Redacción |
-
O peirao de Combarro seguirá aberto para o uso de embarcacións tradicionais
Por Redacción |
-
Solicitan á Xunta que manteña as condicións do uso do pantalán de embarcacións tradicionais de Combarro
Por Redacción |