Activada unha alerta laranxa por temporal costeiro e vento
Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro e tamén por vento que afectará desde este venres ás provincias da Coruña e Pontevedra.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), espéranse ventos do sur e do suroeste que poden acadar os 100 quilómetros por hora e que afectarán a partir de este venres ao mediodía ao oeste e suroeste da Coruña e en toda a provincia de Pontevedra.
A Aemet tamén alerta dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa no litoral da Coruña e Pontevedra. Agárdanse ventos do sur de forza 8, que no oeste da Coruña poden chegar a forza 9, ademais de mar combinada do oeste e do suroeste con ondas de entre 5 e 6 metros, que temporalmente poden aumentar a entre 6 e 7 metros.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
SUSPENSIÓN DAS ACTIVIDADES NO EXTERIOR
A Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender este venres as actividades no exterior dos centros educativos das zonas de predición meteorolóxica da totalidade do oeste e suroeste da Coruña, a partir das 12,00 horas, e de toda a provincia de Pontevedra, a Mariña lucense e a Montaña de Ourense desde ás 18,00 horas, por unha alerta laranxa por refachos de vento superiores aos 100 quilómetros por hora.
A dirección dos centros farán seguimento da situación e poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión das actividades extraescolares no caso de que as circunstancias supuxesen un risco superior.
RECOMENDACIÓNS
A Xunta recorda á poboación a importancia de retirar os obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras e evitar pasar preto de edificios en ruínas, en construción, árbores, paneis publicitarios e obxectos susceptibles de desprazarse co vento.
Debido ao temporal costeiro, lémbrase a importancia de permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos.
Tamén se aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.