Supera21 activa un plan de 1,3 millóns en axudas a autónomos e microempresas
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal de Pontevedra está a ultimar os detalles do plan de axudas a autónomos e microempresas que, baixo a denominación Supera21, prevé inxectar 1,3 millóns de euros nos sectores económicos máis afectados pola pandemia.
Non serán axudas directas senón finalistas, como as aprobadas o pasado ano. Iso si, o executivo BNG-PSOE acordou modificar as bases para que sexan máis flexibles e os interesados teñan maior tempo para presentar as súas propostas.
Así o anunciaron este xoves en rolda de prensa o alcalde e o tenente de alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e Tino Fernández, que avanzaron que o plan Supera21 incorporará ademais as demandas dun maior número de sectores.
Para iso, membros do goberno municipal están a manter reunións con diferentes colectivos "para ver de que maneira podemos inxectar cartos na economía", sinalou Fernández Lores, e os afectados poidan "achegar ideas" para perfeccionar estas axudas.
A este respecto, o alcalde asegurou que un dos sectores que serán atendidos é o das axencias de viaxes, pero non a través deste plan. Será cunha liña de axudas para promover o turismo en Pontevedra, con accións promocionais en todo o Estado.
Os líderes nacionalista e socialista reiteraron que este plan para autónomos e microempresas partirá dunha cifra inicial de 1,3 millóns (600.000 deste ano e os 700.000 que non se adxudicaron o pasado ano) pero se a demanda é maior "poremos máis cartos".
Dentro deste programa, segundo explicaron o alcalde e o tenente de alcalde, inclúense outros 400.000 euros que se destinarán a axudas para que as familias pontevedresas poidan adquirir computadores.
Serán as primeiras axudas que se activen. Os interesados poderán presentar as súas solicitudes en marzo. O Concello subvencionará ata o 100% do custo de adquisición de cada computador, ata un máximo de 400 euros. Estas axudas, segundo Tino Fernández, estarán exentas do IRPF.
Os beneficiarios, que terán que estar empadroados en Pontevedra, ter menores de 18 anos ao seu cargo e matriculados en colexios públicos do municipio, poderán sufragar os equipos informáticos adquiridos entre o 14 de marzo de 2020 e o 21 de decembro de 2021.
Estas axudas, que se crearon para "corrixir a fenda dixital" que creou a pandemia coa educación a distancia ou o teletraballo, repartiranse en base ao número de membros de cada unidade familiar e a súa renda, tendo como base o salario mínimo interprofesional. As vítimas da violencia machista e os grandes dependentes terán unha maior atención.
Os detalles do programa Supera21 incluíronse nunha web que o goberno municipal presentou este xoves e que engloba todos os plans de reactivación económica que o Concello puxo en marcha para combater a crise creada pola pandemia da covid-19.
"Entendemos a situación económica que está a pasar moita xente. Temos que botarlles unha man para que poidan saír desta pandemia", sinalou o alcalde, que defendeu o esforzo realizado polo Concello, "porcentualmente o máis grande de todas as administracións", xa que segundo Fernández Lores supón "case o 3%" do seu orzamento.
Dentro desta páxina web, na que se poderán consultar as bases de todas as convocatorias de axudas, inclúense catro liñas de actuación: o coidado das persoas, o apoio á cultura local e ao deporte e dous apartados que denominan "pensar na economía" e "investir no futuro". Neste último detállanse os investimentos recollidos no orzamento para 2021.
Relacionadas:
-
O Plan Supera21 recibe 325 solicitudes para financiar investimentos en empresas
Por Alejandro Espiño |
-
As axudas do Plan Supera21 poderán destinarse a investimentos ou a gasto corrente
Por Alejandro Espiño |
-
Axencias de viaxes estatais visitarán á cidade en xullo para fomentar a promoción turística de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pontevedra incorpora 14,6 millóns ao seu orzamento para financiar 52 novas actuacións
Por Alejandro Espiño |
-
Ata 240 familias interesáronse xa polas axudas municipais para a compra de computadores
Por Redacción |
-
Pontevedra abrirá este mes o prazo das axudas para adquirir ordenadores
Por Redacción |
-
Actívase o teléfono de información do Concello para as axudas a ordenadores
Por Redacción |
-
Aproban o orzamento municipal para 2021 por 80.734.300 euros, cifra máis alta da historia de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Concello reforza o persoal para a axilizar a xestión das axudas aos afectados pola covid-19
Por Oskar Viéitez |
-
Reunión do alcalde con representantes das axencias de viaxes para informar das axudas Supera21
Por Redacción |
-
BNG e PSOE pactan un orzamento "histórico" para que 2021 sexa o ano do "rebote"
Por Alejandro Espiño |
-
As axudas Supera21 suavizarán os seus requisitos e poderán optar empresas con máis traballadores
Por Alejandro Espiño |