A Policía Nacional e a Garda Civil non levantan a garda e continuarán realizando controis esta semana
Por Redacción
Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, presidía este xoves unha reunión telemática do Centro de Coordinación (CECOR) da provincia para realizar un seguimento dos dispositivos de seguridade vinculados ao cumprimento das medidas de seguridade sanitarias.
Durante este encontro analizáronse os operativos de vixilancia do cumprimento das medidas aprobadas pola Xunta de Galicia. Entre o 8 e o 17 de febreiro, os axentes da Garda Civil, a Policía Nacional e a Unidade de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma (UPA) estableceron 2.814 dispositivos de control e vixilancia sanitaria na provincia coa participación de 3.210 oficiais.
Durante estes controis identificáronse a 30.498 persoas, controláronse 22.414 vehículos e tramitáronse 600 propostas de sanción por incumprir a normativa.
A Garda Civil realizou durante o últimos dez días 2.390 controis coa participación de 1.948 axentes. Nestes operativos identificábase a 25.296 persoas, 19.139 vehículos foron controlados e 365 persoas sometéronse a sanción por parte dos efectivos da Garda Civil.
A Policía Nacional realizou 280 controis na provincia durante o mesmo tempo e neles participaban 1.051 axentes. Identificouse a 4.322 persoas e 2.954 vehículos. Os axentes policiais abriron expediente para sanción a 187 cidadáns.
A Policía Autonómica efectuaba, pola súa banda, 144 controis coa identificación de 870 persoas, controlaban 321 vehículos e interpuxo 48 propostas de sanción. Nestes operativos participaron 211 axentes autonómicos.
A festividade do Entroido non provocou unha maior incidencia no número de sancións, segundo explicaba Maica Larriba, que recoñecía que se reforzou a vixilancia durante estas xornadas. A subdelegada do Goberno destaca o alto grao de cumprimento da normativa na provincia e a cifra de sancións rexistrada durante estes últimos 10 días é baixa e similar á das últimas semanas, segundo o balance que realiza a máxima responsable da seguridade provincial.
Ao longo desta semana continuarán estes labores de control e de prevención fronte ao covid-19 por parte da Policía Nacional e a Garda Civil. Estableceranse dispositivos de control atendendo á nova normativa aprobada pola Xunta de Galicia o 15 de febreiro e que entrou en vigor este mércores 17.
A subdelegada subliñou a importancia de actuar con cautela e con responsabilidade para evitar a expansión do virus. Neste encontro participaron o coronel xefe de Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel; a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma; o inspector xefe da UPA, Diego González; a inspectora xefa da UPA-Vigo, Sheila González; e a secretaria territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz.
Relacionadas:
-
Trinta establecementos hostaleiros da provincia sancionados como resultado de 999 inspeccións en cinco días
Por Redacción |
-
A festividade do Mércores de Cinza mitiga os efectos das primeiras medidas de desescalada en Pontevedra
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O comercio recuperará o seu horario habitual e retómase a actividade cultural a partir deste mércores 17
Por Redacción |
-
Oito denuncias por incumprir o peche perimetral de Pontevedra este domingo
Por Redacción |
-
Núñez Feijóo augura unha apertura "gradual e prudente" pero advirte que "non podemos fallar ata maio"
Por Redacción |