Concentración na Peregrina para reclamar a liberdade para o rapeiro Pablo Hasél
Por Redacción & Cristina Saiz
Un grupo de persoas, principalmente mozos e mozas, concentrábase ás 20.00 horas deste mércores 17 na praza Peregrina respondendo a unha convocatoria realizada nas redes sociais en apoio ao músico Pablo Hasél, o rapeiro condenado a prisión por inxurias á monarquía e enaltecemento do terrorismo.
Os manifestantes reclaman a liberdade para o cantante catalán ao berro de 'Tribunal fascista' en referencia ao Supremo que condenou o mozo polo delito de enaltecemento do terrorismo, coa agravante de reincidencia a 9 meses e un día de prisión e unha multa de 168 días; por inxurias e calumnias contra a Coroa, a unha pena de 12 meses de multa; por inxurias e calumnias contra as institucións do Estado, pena de 15 meses de multa.
O músico era detido polos Mossos d'Esquadra este martes 16 no reitorado da Universidade de Lleida, onde se encerrou. A súa detención provocou concentracións con disturbios en Barcelona e en Madrid.
En Pontevedra, os manifestantes, a pesar da choiva, desprazáronse ata a Subdelegación do Goberno onde rematou o acto de protesta no que reclamaron a liberdade de Pablo Hasél e a defensa da liberdade de expresión. Non se rexistraron incidentes durante esta mobilización.