A Xunta investirá 33,6 millóns de euros na EDAR e o saneamento de Vilagarcía
Por Redacción & Oskar Viéitez
A Xunta presentoulle este mércores ao Concello de Vilagarcía de Arousa os proxectos cos que vai investir máis de 33 millóns de euros no saneamento e na nova depuradora do municipio e solicitou a máxima axilidade na tramitación urbanística para materializar as obras.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo unha reunión telemática co alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, e membros da corporación municipal.
Vázquez trasladou que o obxectivo da Xunta é licitar este mesmo ano tanto a mellora da rede de saneamento como a ampliación da depuradora, para o que o Concello debe culminar a modificación puntual do PXOM.
A Xunta investirá 23,1 millóns na actuación da EDAR, que inicia hoxe a súa tramitación ambiental por procedemento simplificado, co obxectivo de tela resolta en seis meses. A actuación desenvolverase nunha parcela anexa á depuradora actual e multiplicará por case 2,5 a capacidade de tratamento da EDAR.
A conselleira adianta que a mediados de ano tamén se poderán licitar as actuacións de mellora da rede de saneamento, cun investimento de 10,5 millóns de euros. Renovarase a rede na avenida de Rodrigo de Mendoza, instalaranse dous tanques de tormentas e un novo treito de colector na avenida de Cambados.
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela valorou como "moi construtiva" a reunión por videoconferencia.
O rexedor considera positivo que a administración autonómica haxa presentado o anteproxecto no que leva traballando co Concello desde 2016 e concretase que as actuacións se financiarán con fondos europeos, esperando que se cumpran os prazos sinalados para non demorar máis unhas actuacións urxentes e imprescindibles para Vilagarcía.
As actuacións recollidas son dúas: a renovación e ampliación da rede de saneamento na marxe esquerda do Río do Con e a ampliación da EDAR.
A primeira inclúe a instalación de nova rede de saneamento e recollida de pluviais desde a rotonda na Luz Salgada ata a desembocadura do Con e a construción de dous grandes tanques de tormenta, un na avenida Rodrigo de Mendoza, baixo o aparcamento de Fexdega, e outro nas proximidades da desembocadura do río, na avenida Valle Inclán.
Esta actuación ten como principal misión corrixir as deficiencias do saneamento de residuais e evitar verteduras cara o río, e tamén reducir os riscos de desbordamentos e inundacións cos tanques de tormenta.
A obra na EDAR permitirá ampliar a capacidade de tratamento e depuración, actualmente ao límite debido ao crecemento poboacional das últimas décadas, dimensionando as instalacións cun horizonte de crecemento a 30 anos vista.
De maneira paralela á redacción do anteproxecto por parte de Augas de Galicia, e no marco da colaboración institucional acordada, o Concello de Vilagarcía foi adiantando pasos. De feito, para permitir a construción do tanque de tormenta na desembocadura do Con negociou e adquiriu o triángulo de terreos situado á beira da muralla do Pazo de Vista Alegre, parcela que xa é de titularidade municipal.
Doutra banda, e para axilizar ao máximo a ampliación da EDAR, o Concello xa dispón do documento da modificación puntual do PXOM que é necesario levar a cabo para posibilitar a obra. O documento mandarase esta mesma semana á Xunta de Galicia para a súa avaliación ambiental, trámite que o Concello confía que se desenvolva coa maior axilidade posible, do mesmo xeito que a emisión dos informes sectoriais para permitir levar a Pleno a modificación canto antes.
Segundo explicaron os responsables autonómicos, a previsión é poder licitar as obras este ano, unha vez redactado o proxecto definitivo da ampliación da EDAR. Contando coa tramitación e prazos de licitación desta última, e con que a obra ten un prazo de execución de 33 meses a executar en 3 fases, aínda habería que esperar ata 2026 para ver finalizada a ampliación; por iso é polo que o Concello espera que a Xunta axilice ao máximo o proceso.