A ambición (cumprida) de Pontevedra: dez anos sen mortos por accidentes de tráfico na cidade
Jesús tiña 81 anos. Foi atropelado por unha furgoneta de repartición. Estaba a cruzar un paso de peóns na ponte dos Tirantes. Diso hai xa dez anos. Foi o 18 de febreiro de 2011. É a última vítima mortal en accidente de tráfico que chorou Pontevedra.
"Lémbroo con moita tristeza", relata a PontevedraViva o director xeral de Emerxencias da cidade de Pontevedra, Daniel Macenlle, por aquel entón máximo responsable da Policía Local. "Un morto en accidente sempre é algo terrible", engade.
Pero neste caso foi mesmo máis paradoxal. Foi o mesmo día en que Pontevedra recibía en Córdoba uno dos seus primeiros premios á súa transformación urbana, galardoada nun encontro de cidades pola seguridade viaria organizado pola Dirección Xeral de Tráfico.
Que isto suceda "o mesmo día que recoñecen os esforzos que fixeches en seguridade viaria foi algo moi triste", asegura o responsable municipal de Emerxencias. Afortunadamente foi un feito illado que non se repetiu desde entón.
En 1997, antes dos cambios que fixeron de Pontevedra un referente en deseño urbano e mobilidade, nove persoas faleceron en sinistros de tráfico. 2007 foi o primeiro ano sen mortos. E desde entón só en dous -2009 e 2011- as rúas da cidade tinguíronse de loito.
O camiño cara a esa "sinistralidade cero" tamén está moi avanzado nos accidentes que rexistran feridos graves. Fronte os 140 que, como media, había hai vinte anos, durante 2020 tan só houbo catro. "A tendencia é clara", defende Macenlle.
"É un orgullo e unha satisfacción demostrar que os accidentes se poden reducir", destaca o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que sinala que Pontevedra leva dúas décadas impulsando un modelo urbano baseado na recuperación do espazo público.
En 1999, apunta Fernández Lores, Pontevedra "era un almacén de coches". O 70% da cidade era dos vehículos de motor. "O que fixemos foi cambiar esa tendencia e aumentar o espazo para as persoas", sinala o rexedor, apostando por unha cidade "amable, accesible e segura".
O primeiro paso foi a peonalización de todo o seu centro histórico. Logo chegou a humanización de gran parte do centro urbano, a instalación de elementos redutores de velocidade na calzada ou o deseño dunha rede de estacionamentos disuasorios no arrabalde.
Pero, sen dúbida, a medida que máis cambiou á cidade foi a limitación da velocidade de circulación a 30 quilómetros por hora. Foi a primeira urbe española en facelo. Este límite, hoxe en día, reduciuse a dez nas rúas nas que conviven peóns e vehículos.
"Creouse un escenario físico no que é imposible correr co coche", apunta Daniel Macenlle, que lembra que a velocidade "é o que mata nos accidentes". Rotondas, bolardos, pasos elevados ou a orientación dos aparcamentos, entre outros elementos, "non se usan para coordinar o tráfico senón para acougalo".
Desta maneira, "é a cidade a que impide que a xente morra nas súas rúas" e o seu deseño sinaliza como se debe conducir, algo no que coincide o alcalde, que afirma que "cando un condutor entra nun espazo público ocupado por persoas circula con maior prudencia".
Os peóns abrazaron este modelo desde o primeiro momento. Os condutores, recoñece o rexedor, "foron máis reticentes e tardaron máis en adaptarse" porque todos cando subimos a un coche "temos a tendencia de correr".
Iso invístese, segundo o alcalde, "cando na rúa quen está son os teus fillos ou os teus netos". Que estes estean a xogar no espazo público "axuda a que haxa unha maior seguridade viaria", reitera Fernández Lores. E iso ocorre xa en todos os barrios de Pontevedra.
Foi unha transformación "sen precedentes", resume o director xeral de Emerxencias, con cambios "moi drásticos" que, segundo recoñece, "chirriaron e provocaron problemas para xestionalo". Pero superado ese "impacto inicial", os cidadáns "non só comprendérono senón que senten orgullosos do resultado".
O alcalde de Pontevedra anima aos seus homólogos a "ser valentes e tomar decisións" para que as súas cidades sigan esta senda porque "a percepción social é sempre positiva, quizá non inmediata pero a longo prazo si" porque os cidadáns entenden que "é necesario para vivir".
"Cada vez somos máis os que vivimos nas cidades e temos que vivir nun ambiente san e que sexan un espazo de convivencia", incide Miguel Anxo Fernández Lores, que engade que esta calidade de vida incrementa a actividade económica "porque a cidade é máis atractiva".
Estas cifras de sinistralidade "son difíciles de manter", recoñece o alcalde, que está convencido de que "non hai que perder ese horizonte" porque as vantaxes dun modelo como o de Pontevedra "son tan obvias para a calidade de vida que este esforzo vale a pena".