Os colectores de roupa de Marín recolleron case 73.000 quilos durante o pasado ano
Por Oskar Viéitez
A Concellaría de Benestar Social fixo públicos este mércores os balances de recollida de roupa usada tanto da Fundación Humana como da empresa de inserción laboral Arroupa, dependente de Cáritas.
En total, entre as dúas empresas, recolléronse case 73.000 quilos de roupa no pasado ano. Humana recolleu 45.903 quilos nos dezasete contedores que ten por todo o municipio, mentres que Arroupa os 26.823 quilos restantes. No seu caso, teñen cinco contedores xunto ao centro de saúde, a praza de abastos, a rúa Concepción Arenal e dous na Avenida de Ourense.
A recollida deste residuo téxtil constitúe unha vía para a inserción social e laboral de persoas en risco de exclusión.
Os cidadáns depositan neles a roupa, o calzado, os complementos e o téxtil de fogar que xa non utilizan e aos que se lles dá unha segunda vida. É un servizo gratuíto e representa un aforro importante nos gastos de recollida e eliminación de residuos sólidos urbanos.
Humana Fundación Pobo para Pobo, organización que desde 1987 promove a protección do medio ambiente a través da reutilización de téxtil e leva a cabo programas de cooperación en África, América Latina e Asia así como de apoio local en España.
Arroupa é unha empresa de economía social orientada cara á reciclaxe de produtos téxtiles que impulsa Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela. Non ten ánimo de lucro e está clasificada como de interese xeral xa que, ademais da reciclaxe téxtil persegue a asistencia social, o fomento da economía social e a promoción e atención ás persoas en risco de exclusión social.