O acceso do aparcamento disuasorio das Corbaceiras segue sumando accidentes
Por Oskar Viéitez
O acceso do aparcamento disuasorio das Corbaceiras segue sumando accidentes. Tan só nesta semana xa van dous.
En boa parte dos sinistros a persoa que conducía non fixo correctamente o 'stop', noutras ocasións é a mala visibilidade. Curiosamente este é un dos puntos cegos da Central de Tráfico da Policía Local de Pontevedra que non conta con ningunha cámara para vixiar este cruzamento.
Sucede que ao saír do peirao das Corbaceiras aqueles vehículos que queren dirixirse por Beiramar cara a ponte da Barca teñen que acceder a un carril intermedio onde deben esperar ata poder incorporarse á circulación.
Igualmente aqueles vehículos que circulan por Beiramar e queren cambiar de sentido sen continuar ata a rotonda aproveitan este corte na mediana para facer un xiro de 360 graos. Pero ademais coincide neste punto a incorporación ao tráfico dos vehículos desde a praza do Gremio de Mareantes, onde se atopan establecementos como o restaurante Casa Digna.
A maioría dos accidentes limítanse a danos materiais pero no caso da colisión rexistrada pouco antes das 15:00 horas deste martes tivo que acudir a ambulancia para socorrer unha das mulleres que viaxaba nun dos vehículos implicados.