O remanente de Tesourería correspondente ao ano 2020 marca un novo teito en Poio
Por Oskar Viéitez
O Remanente de Tesourería correspondente ao ano 2020 marca un novo teito en Poio. Así se inclúe na liquidación do Orzamento do pasado exercicio, que cifra esta cantidade en 3,1 millóns de euros.
Tal e como lembra o concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, trátase da contía máis alta dos últimos anos. "Para igualar ou superar este remanente teríamos que remontarnos a antes da recesión de 2008", afirma o edil nacionalista.
Estes 3,1 millóns de euros (dos cales 1,8 destinaranse a gastos xerais) supoñen un importante incremento con respecto aos de 2019, cando ascenderon a 2,4 millóns, o equivalente a unha suba de preto do 23%.
Barreiro salienta que este remanente é un dos indicadores máis importantes e válidos á hora de facer unha análise, en termos de solvencia, da situación das arcas do Concello a curto prazo.
Calcúlase sumando os fondos líquidos, máis os dereitos pendentes de cobro, deducíndose as obrigas pendentes de pago e engadindo, a maiores, as achegas tamén pendentes de aplicación.
Ademais, a liquidación de 2020 constata que o crédito definitivo foi de 15,6 millóns de euros, cando, inicialmente, o Orzamento municipal foi aprobado en 12,7 millóns de euros.
Isto débese, en palabras do responsable de Facenda, aos "criterios de prudencia e obxectividade" cos que se elaboran cada ano estas partidas. "Inicialmente non incluímos todas as achegas que, posteriormente e ao longo do ano, acabamos recibindo doutras institucións", sinala.
Os ingresos correntes ascenderon a 13,3 millóns de euros, mentres que os custes foron de algo máis de once millóns. Tal e como reflicte o documento elaborado polo departamento de Intervención, que será abordado na Comisión de Facenda deste mércores 17 de febreiro, o aforro neto quedou fixado en 2,3 millóns de euros. Polo que respecta o nivel de débeda, 2020 pechouse cun índice de menos do 44%, moi lonxe do que permite a normativa vixente (110%).
Outra cuestión na que fai fincapé Xulio Barreiro é na importancia que supón a supresión, por parte do Estado, da regra de gasto, que restrinxía de xeito drástico a capacidade de manobra das administracións á hora de poder facer uso do seu remanente.
Esta derogación fíxose efectiva xa en 2020 e permitiu, entre outras cousas, que o Concello liquidase o pago de todas as facturas do ano pasado. "Agora non temos a obriga de incumprir esta regra para poder facer investimentos ou garantir servizos para os veciños e veciñas de Poio, como sucedía no pasado, cando contabamos cun remanente elevado pero que esa normativa, que sempre consideramos inxusta, non nos permitía utilizar", explica o edil de Facenda.
Por último, Barreiro indica que estas cifras demostran a boa saúde financieira de Poio "e botan por terra as afirmacións realizadas polo PP sobre a estabilidade económica da Administración local".
"O Partido Popular pretendeu facer crer a veciñanza que iamos acabar fusionados con outros concellos da contorna pola situación económica. Unha vez máis, queda demostrado que a súa única intención que confundir á cidadanía", finalizou.
Relacionadas:
-
Poio destinará parte dos seus aforros á adquisición de terreos para o futuro centro de saúde
Por Oskar Viéitez |
-
O Pleno de Poio desestimou as alegacións presentadas contra o Orzamento municipal
Por Oskar Viéitez |
-
O PP de Poio contradí ao goberno local e fala de "pésima xestión económica" no Concello
Por Redacción |