Reclaman a retirada da licenza de caza a un home que disparou "a bocajarro" contra unha cadela en Bueu
Por Redacción
Un cazador causaba unha grave ferida a unha cadela que se atopaba de paseo cunha familia polo Roteiro dos Muíños durante o domingo 14. A asociación Cadeliños, dedicada ao rescate de animais abandonados e maltratados, alertaba deste incidente nas súas redes sociais indicando que o disparo se realizou de socato e iso provocou a perda dunha das patas do animal.
A familia presentou unha denuncia na Garda Civil ante a agresión sufrida pola súa mascota que fora adoptada nesta asociación de Bueu, cuxas persoas responsables piden que se teña especial coidado cando se camiñe por ese Roteiro dos Muíños entre a curva de Nocedo ata Rebentóns e na zona de Area de Bon, sobre todo no caso de que as persoas vaian acompañadas por mascotas sen correa.
Desde o colectivo de defensa de animais Libera! lembran que a Lei de Benestar Animal de 2017 establece como infracción de carácter moi grave "os malos tratos aos animais que lles cause a morte ou provoque lesións ou danos invalidantes ou irreversibles" e a sanción chega aos 30.000 euros.
Esta asociación animalista reclama a retirada do permiso de caza cando se localice ao causante do disparo cando sexa localizado e que a Xunta de Galicia reforce a seguridade nestas zonas de sendeirismo.
Afirman que se están producindo altercados nas últimas semanas cos afeccionados á caza con denuncias por parte dos gobernos locais de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Portas ante a presenza na Vía Verde do Salnés de cazadores e pilotos con quads creando situacións de perigo para os paseantes.