A Policía Autonómica e Os Palleiros rescatan unha cadela en Bora: "A pena é que quedaron dous máis"
Por María José Pita
A Policía Autonómica levaba a cabo este luns un operativo para a retirada de tres cans que se atopaban en malas condicións hixiénico-sanitarias nunha leira particular da parroquia pontevedresa de Bora.
Para realizar esta actuación, os axentes contaron coa axuda da Asociación Protectora de Animais Os Palleiros, que puxo á súa disposición un vehículo adaptado para o transporte de cans e dúas voluntarias, entre as que se atopaba a presidenta, Gloria Cubas.
"O venres púxose en contacto connosco a Policía Autonómica de Pontevedra e díxonos que tras unha denuncia veciñal anónima recibiran aviso de que había tres cans que estaban nunhas condicións hixiénico-sanitarias nada recomendables. Entón, a Policía Autonómica presentouse alí, convenceulle ao señor para que entregase os cans, e fomos hoxe pola mañá e o señor non nos entregou os tres cans, entregounos un soamente", comenta Gloria Cubas en conversación telefónica.
A presidenta da asociación Os Palleiros continúa o seu relato con tristeza por non poder levar a todos os cans, "a pena é que quedaron dous máis", un can e unha cadela que o seu propietario se comprometeu a "poñer en condicións". A Policía Autonómica deulle un prazo de quince días, do contrario "quitámoschos directamente".
A pesar de que é o procedemento habitual, a presidenta dos Palleiros lamenta que os animais teñan que estar máis tempo en condicións que supoñen un sufrimento, xa que, aínda que reciben alimento e están aparentemente en bo estado, atópanse atados ("a cadela, que é a irmá da que nos levamos, está atada cun cable da luz"), cun mínimo espazo para moverse ("ao can téñeno atado cunha cadea de medio metro, e entre os seus propios excrementos"), sen un lugar axeitado no que gardarse ("non me quero nin imaxinar como estiveron os días de temporal") e sen unha hixiene mínima.
A cadela rescatada atópase xa nas instalacións da Protectora de Campañó. Como nos indica Gloria Cubas, xa pasou o control veterinario, puxéronselle as vacinas e foi desparasitada. Nestes momentos, mantense nunha corentena de entre unha semana e dez días para asegurarse de que non teña ningunha enfermidade contaxiosa, seguindo o protocolo nestes casos. Ao cabo deses días, o último paso será a esterilización e a posta en adopción inmediata "porque o propietario asinounos xa a renuncia".
Finalmente, a presidenta da asociación Os Palleiros quere agradecer á Policía Autonómica a súa implicación nestes casos e facer un chamamento a calquera persoa que poida sospeitar que un animal está en malas condicións: "que chame e denuncie, que teña a seguridade de que a policía fai caso, e pódese facer de modo anónimo".
Relacionadas:
-
Rescatan un can dun pozo empregando un cable e un todoterreo
Por Almu Dapena |
-
35.000 euros anuais para a xestión do refuxio de animais de Campañó
Por Redacción |
-
A Policía Autonómica e Os Palleiros descobren e rescatan outro can en Bora, atado e malnutrido
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
Rescatan 28 cachorros de catro camadas nas últimas dúas semanas
Por Redacción |
-
Axentes da Garda Civil liberan un can atrapado nunha canalización en Bértola
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Así foi o rescate do mozo e do seu can cando eran arrastrados polo mar en Vilaboa
Por Redacción |
-
Un atropelo e catro operacións despois, Paloma atopa un novo fogar
Por Diego Espiño |