Denuncian un exceso de produción de enerxía na presa Ponte Inferno do Río Verdugo
Por Redacción
A asociación A Rente do Chan denuncia unha produción de electricidade excesiva por parte da empresa Naturgy na presa Ponte Inferno do Río Verdugo. O colectivo sinala que a firma podería estar a xerar enerxía por encima do límite concedido ao comprobar que está a incumprir a norma da Xunta que só autoriza a procesar 7.140 litros por segundo e o resto deixalo fluír pola coroación e polo paso para peixes.
Alertan desde a agrupación que este incumprimento pode estar a levar a un "enriquecemento ilícito da concesionaria" ao procesar máis caudal do concedido, denuncian facendo alusión á Declaración de Efectos Ambientais da presa parobado no 1993.
Argumentan que facer pasar polas turbinas máis auga supón unha maior produción de enerxía e un maior beneficio. "Este beneficio irregular fai que as empresas implicadas, Naturgy e Elecdey, obteñan un rendemento económico dun incumplimento flagrante da concesión e das leis de Pesca Fluvial e de Augas", sinalan.
A Rente do Chan arremete tamén contra Augas de Galicia por ter que preguntar á concesionaria pola cantidade de enerxía producida e por "deixar caducar o anterior procedemento de extinción iniciado no 2018". Critican os ecoloxistas que "este aproveitamento está absolutamente fóra de control". Denuncian tamén que os incumprimentos dos requirimentos que a Xunta leva realizando desde o 2007 deberían carrexar sancións mensuais superiores aos 11.000 euros.
Todo iso, denuncian, desemboca nunha continua degradación do xa castigado leito do río Verdugo.
Relacionadas:
-
Augas de Galicia recomenda a demolición da presa "Ponte do Inferno" do río Verdugo
Por Oskar Viéitez |
-
Visita á centenaria presa de Ponte Inferno antes de que desapareza
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Denuncian que a Xunta deixou caducar o trámite de extinción dun encoro de 1899 no río Verdugo
Por Oskar Viéitez |
-
Reclaman a eliminación da central eléctrica situada no Verdugo
Por Redacción |