2.100 euros en vales a repartir entre os gañadores do Concurso do Entroido Dixital
Ata o vindeiro mércores 17 mantense aberto o concurso 'Confiparodias, feito na casa'. Os interesados en participar deberán enviar os seus vídeos de parodia de máximo 1 minuto de duración. Sortearanse 2100 euros en vales que os gañadores deberán investir nos comercios e a hostalería local participantes. Segundo os organizadores establécense dúas categorías: Infantil, para menores de 13 anos e Adulto/mixto, con dúas modalidades diferentes, individual/parella e tres ou máis persoas (sempre que se cumpran as actuais medidas sanitarias).
Os participantes só poderán presentar un vídeo por modalidade que deberán enviar ao departamento de Cultura ao correo electrónico culturaterra@sanxenxo.org. O formato deberá ser Mov ou mp4 e a temática será libre. Os vídeos expoñeranse no Facebook municipal para a súa visualización e valoración desde o xoves 18 ata o domingo 21 de febreiro ás 12:00 horas cando se pecharán as votacións. As bases do concurso colgaranse na páxina web do Concello e compartiranse nas redes sociais.
A avaliación dos mellores vídeos e, por tanto, os premiados decidiranse por un xurado cun único premio especial por modalidade 'Único Premio Xurado' e por os 'me gusta' que obteñan no Facebook do Concello de Sanxenxo.
Por outra banda, segundo a a Concellería de Cultura dirixida por Paz Lago, fíxose unha recompilación de imaxes dos mellores disfraces, traballos, actividades e os rituais que cada colexio e instituto levaron a cabo para manter a tradición. Ao longo desta semana, todas as tardes desde primeira hora emitirase un vídeo que recollerá todos eses momentos.
Seguindo co Entroido dixital do Concello, o mércores 17 a través do seu Facebook poderase vivir un Enterro da Sardiña virtual no que se dará a coñecer a necrolóxica desta edición e rememorarase a cita con imaxes doutras edicións. O venres, día 20, será a quenda do Enterro da Cabra en Vilalonga tamén con necrolóxica e imaxes, e o sábado 21 será a quenda da Festa do Ghato coa que se poñerá o broche de ouro final á celebración.