A veciñanza de Poio leva o Entroido ás redes sociais
Por Redacción
As actividades de Entroido na internet organizadas desde a Concellería de Cultura están a contar cun gran éxito de participación. Bo exemplo disto é o interese que suscitaron os diferentes vídeos que o Concello de Poio publicou nos seus perfís oficiais ao longo da pasada fin de semana.
Preto de 7.000 persoas visualizaron estes contidos, entre os que se incluía unha peza audiovisual con temática de Entroido, en cuxo proceso tomaron parte diversos colectivos e grupos moi vencellados a esta celebración, así como dúas pezas nas que o chef Pepe Solla explicaba os pasos para a preparación de filloas cunha receita alternativa e novidosa.
Ademais, numerosas veciñas e veciños non dubidaron en encher as redes con fotografías de disfraces, mediante o hashtag #Choqueirizate ou #EntroidoPoio2021.
NAMORADOS
A Concellería de Benestar Social do Concello de Poio, co gallo da celebración do Día dos Namorados levou a cabo o certame ‘Romanticismo sen Idade’.
A través deste concurso, animouse ás persoas inscritas no programa Saudemente a compartir coas traballadoras da Casa Rosada as súas reflexións, ideas, refráns ou pensamentos vencellados co amor. As persoas autoras das frases máis orixinais foron agasalladas con bombóns e champán.