Varios funcionarios da Lama, feridos nun altercado cun interno
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Varios funcionarios do centro penal da Lama resultaron feridos este sábado nun altercado cun interno do módulo 1.
Segundo indicaron fontes penitenciarias consultadas por PontevedraViva, o interno atacou inicialmente a un funcionario e, cando outros traballadores acudiron para mediar e separalos, todos resultaron feridos.
Un dos funcionarios resultou ferido de maior consideración e varios dos seus compañeiros tamén presentan lesións, maiormente contusións. Segundo algunhas fontes, poderían ser ata cinco feridos.
As lesións sufridas motivaron que fosen atendidos nun primeiro momento polos servizos médicos da prisión pontevedresa e, a continuación, que se trasladasen ao servizo de urxencias dun centro sanitario.
Segundo informaron os sindicatos CCOO, ACAIP-UXT, CSIF, CIG e ATP, a agresión produciuse cando os funcionarios se dispoñían a realizar un cacheo extraordinario no módulo onde se atopaba o interno. El, segundo relataron os traballadores, agrediu a todos os funcionarios que saían ao seu encontro ao non estar conforme con ese cacheo.
Este tipo de cacheos, a pesar de que son extraordinarios, son habituais no centro penal a pesar do cal o interno non dubidou en agredir aos funcionarios "dunha maneira fría, sen ningún tipo de xustificación, sen palabras previas e sen dar mostras de tal actitude agresiva ía aflorar".
Desta forma, o interno colleu por sorpresa aos funcionarios, que se viron envolvidos na acción agresiva sen posibilidade de tomar medidas preventivas.
Mentres se producía a agresión, o resto de internos do módulo, ao redor de 70, limitáronse a observar, de modo que ningún máis interveu no altercado.
Os sindicatos denuncian que a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias non ten un protocolo eficaz para previr e reducir as agresións que sofre o persoal penal e "parece que tampouco lle dá moita importancia que día si, día tamén algún funcionario da institución sufra unha agresión".
Ademais, engaden que a propia administración contabiliza 40 agresións graves nos últimos 5 anos, pero non engade nos datos as agresións leves, ameazas e insultos que a diario suceden no centro penal, polo que quedan excluídas de calquera acción preventiva e xudicial e non entran na cualificación de agresión en sentido estrito. "O número de agresións do centro redúceno intencionadamente para mellorar as estatísticas cando en realidade o número delas é moito maior", aseguran CCOO, ACAIP-UXT, CSIF, CIG e ATP.
Estes sindicatos demandan máis persoal, pois aseguran que coa resolución do concurso de traslados que se resolveu este mes non se gañou persoal extra para o centro penal, ademais de que en próximas datas este centro perderá parte dos funcionarios en prácticas que viñan desenvolvendo o curso formativo. Segundo as cifras que manexan, hai 60 vacantes existentes no penal, o que conleva que "a carga de traballo sexa excesiva" e que "non se poidan realizar con eficacia as tarefas de observación para ter unha clasificación regimental adecuada no centro penal".
Relacionadas:
-
Solicitan a vacinación simultánea de todo o persoal do cárcere da Lama
Por Oskar Viéitez |
-
Institucións Penitenciarias recoñece publicamente a funcionarios da Lama que salvaron un interno
Por Redacción |
-
Recoñecemento á "profesionalidad" e "compromiso" do persoal e os internos da Lama, que lograron esquivar os contaxios
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Un interno da Lama causa dous incendios na súa cela en 7 horas e ameaza e golpea aos funcionarios
Por Redacción |