Que é iso do 'hackathon' que organiza a Deputación?
Por Oskar Viéitez
Durante esta fin de semana terá lugar o “#SocialHack”, o primeiro Hackathon online de innovación.
Trátase dun reto tecnolóxico que lanza a Deputación de Pontevedra para o terceiro sector, que é como se denomina ás entidades (asociacións, fundacións, etc.) que non sendo nin públicas, nin tendo ánimo de lucro, ocúpanse de realizar proxectos de acción social, ou defender intereses de colectivos de calquera tipo (asociacións culturais, deportivas, de consumidores, de antigos alumnos, entre outras).
En total, danse cita virtualmente neste reto tecnolóxico máis de 30 persoas procedentes de Galicia, e de diferentes puntos do Estado que concursarán desenvolvendo as solucións tecnolóxicas máis innovadoras para facilitar a xestión das entidades sociais.
O luns coñeceranse xa os proxectos gañadores deste orixinal reto de innovación. Na elección dos proxectos gañadores tamén se valorará o grao de desenvolvemento das propostas, o seu deseño, a súa dificultade técnica e a presentación final. As mellores solucións, que se coñecerán o luns, recibirán un primeiro premio de 2.000 euros, un segundo premio de 1.000 e un terceiro de 500 euros.