Javier Losada pedirá a Madrid que complete a renovación do paseo marítimo de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
O delegado do Goberno, Javier Losada, mantivo este venres unha reunión de traballo co alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, a quen explicou que trasladará a Madrid todas as súas peticións. No encontro tamén participou a concelleira de Urbanismo, Paola María.
O rexedor vilagarcián detallou que unha das prioridades para o Executivo local é culminar a renovación do paseo marítimo, pendente dos fondos para executar a segunda e definitiva fase.
Comentou tamén que quere ampliar o carril bici desde a zona da Concha ata Carril, unha obra que o Concello quere sumar á renovación do paseo marítimo.
Javier Losada comprometeuse tamén a informar o alcalde sobre a evolución nos trámites para a xestión dos fondos europeos para paliar os efectos da crise económica causada pola pandemia e determinar se Vilagarcía pode acceder aos mesmos.
Tamén abordaron a situación do solar que o Estado posúe na zona de O Cadavelo, na parte posterior aos edificios da Comisaría e os Xulgados, que o Concello quere converter en aparcamento disuasorio. Outro dos asuntos comentados é a renovación integral da avenida de Rubiáns, mellorando as beirarrúas actuais, luminarias e o carril bici.
Alberto Varela expuxo a posibilidade de que un municipio como o seu poida acceder ás axudas para transporte urbano e interurbano do Ministerio de Transportes, outro asunto que o delegado do Goberno trasladará a Madrid.