Salvamento Marítimo investiga unha vertedura denunciada pola APDR no peirao das Corbaceiras
Por Oskar Viéitez
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) ven de denunciar unha vertedura á ría de Pontevedra localizada no peirao das Corbaceiras, concretamente ao lado da sede do Gremio de Mareantes e a nave da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra.
Segundo informa o presidente da APDR, Antón Masa, a incidencia foi comunicada ao Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA), da garda Civil, ademáis da Policía Local e o 112, e tiveron resposta de Salvamento Marítimo, que lles dixo que iniciaban unha investigación.
Antón Masa explicou que "trátase dun vertido de certa magnitude e moi patente nun longo traxecto cara á boca da Ría".
Agora o colectivo ecoloxista agarda ter información de Salvamento Marítimo antes de tomar algunha outra decisión ao respecto "sexan quen sexan os responsábeis do vertido". Ademáis a APDR denuncia os "permanentes vertidos, de distinta natureza, que se seguen producindo de forma sistemática" e critican que non se adopten "as necesarias medidas para a súa erradicación definitiva".
"A nosa Ría, e os ríos que a conforman, e a nosa maior riqueza e non se pode permitir que estas situacións a poñan en perigo", salienta Antón Masa.
Esta mesma semana a Asociación Pola Defensa da Ría deu a voz de alarma pola existencia dun vertido procedente de Cocheiras, que sae polo aliviadoiro da EDAR de Os Praceres en momentos de fortes choivas, "unha situación que tería que ter sido solucionada hai tempo e da que Xunta e Concello de Pontevedra responsabilízanse mutuamente", di Antón Masa.
"Descoñecemos tamén neste novo vertido de quen é a responsabilidade, pero sexa quen sexa, esiximos de quen teñan as competencias para facelo, que se abra unha investigación que permita esclarecer os feitos e, no seu caso, perseguir aos responsábeis e aplicar as correspondentes sancións", engadiu o presidente da APDR.
Por último, dende o colectivo ecoloxista anima a cidadanía a denunciar este tipo de feitos.
Relacionadas:
-
A APDR afirma que as administracións seguen sen garantir o tratamento das augas residuais
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta replica que a vertedura de Cocheras vén da rede que xestiona o concello
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra esixe á Xunta que resolva as verteduras do 'aliviadeiro' de Cocheiras
Por Alejandro Espiño |