O IES Aquis Celenis considera que a ampliación do centro en altura non permitiría ofertar ciclos formativos
Por Oskar Viéitez
A dirección do Instituto de Educación Secundaria Aquis Celenis, de Caldas de Reis, vén de saír ao paso cun comunicado diante do cruzamento de acusacións entre a alcaldía e a oposición do BNG relativas á iniciativa da ampliación do recinto educativo.
Advirten que dotar ao edificio dunha altura "resolvería os problemas de espazo" no centro pero non permitiría dispoñer de instalacións "adecuadas" para ofertar ciclos formativos.
No seu comunicado, a dirección do Aquis Celenis di que "pensamos que a ampliación do centro é de interese para toda a poboación de Caldas e os concellos colindantes" e por isto, aínda que coinciden en que "resulta positivo que estea na actualidade do debate político" non queren que se perda o foco en que "o obxectivo ten que ser colaborar para conseguir o máis axiña posible unha solución satisfactoria".
O IES Aquis Celenis é o único centro de ensino público con oferta de educación postobrigatoria da zona escolar e, segundo aseguran, "carece de espazo suficiente para atender todas as necesidades do alumnado".
Isto levou a que xa dende hai cinco anos se tentase por parte da dirección do instituto unha ampliación que permitise mellorar a oferta escolar, para poder así impartir formación profesional (básica e tamén módulos de FP).
A Xefatura Territorial de Pontevedra elaborou unha proposta de ampliación consistente en aumentar a altura, que se levou á Consellería de Educación. No curso 2018-19modificouse este proxecto inicial e aprobouse a ampliación contemplando a construción dun novo edificio anexo nun terreo colindante e incluso se destinou un orzamento para este fin.
Unha vez aprobado o proxecto de ampliación dende a consellería se lle solicitou á Alcaldía que cedese os terreos do lado leste.
"Dous anos despois o instituto segue á espera de que a alcaldía ceda os terreos e recibimos a noticia de que se baralla desbotar a construción do edificio anexo e se retoma o proxecto da Xefatura Territorial da ampliación en altura", di a dirección do centro no seu comunicado.
Conclúem que dende o seu punto de vista, "esta solución resolvería os problemas de espazo no centro pero non permitiría dispoñer de instalacións adecuadas para ofertar ciclos formativos".
Relacionadas:
-
Román Rodríguez anuncia a ampliación do instituto Aquis Celenis en Caldas de Reis
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello propón ampliar en altura o Instituto Aquis Celenis
Por Redacción |
-
Caldas quere expropiar a leira María a Recha e esixe á Xunta o proxecto de ampliación do IES Aquis Celenis
Por Redacción |
-
Estudan a posibilidade de aumentar nunha altura o edificio do instituto de Caldas de Reis
Por Redacción |
-
O BNG critica o alcalde de Caldas de Reis por frustrar a ampliación do IES Aquis Celenis
Por Oskar Viéitez |