O colexio da Lama fará compost para abonar un horto ecolóxico no centro
Por Redacción
Os residuos orgánicos que se xeren no comedor escolar do colexio da Lama van a ser reutilizados para obter compost co que abonar o futuro horto ecolóxico no que xa traballan os escolares do centro.
Esta iniciativa será posible a través do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. Operarios municipais están a poñer en marcha un composteiro comunitario que será a base desta actividade formativa e pedagóxica.
Estas instalacións estarán situadas no entorno do colexio. De cara a este proceso tamén se achegou o estruturante necesario para producir o compost, que quedou colocado na parte inferior deste contedor de gran porte.
O concelleiro Daniel Vidal, que se achegou ata o colexio para supervisar estes traballos, recordou que este proxecto súmase ao reparto dos 200 composteiros individuais que forman parte desta iniciativa.
Aínda que non quedan moitos, o edil cre que se esgotarán tan pronto como entre en funcionamento o feito para o comedor escolar.
Entende os cativos teñen unha "gran capacidade de arrastre" entre as súas familias para animalos a instalar nas súas casas un destes composteiros que, segundo o concelleiro, "fan un gran servizo e axudan a activar a concienciación cidadá en materia medioambiental".
Para poder inscribirse neste proxecto, as persoas interesadas deben estar empadroadas no concello da Lama e dirixirse ás dependencias municipais no consistorio ou chamar ao teléfono 986 768 238.