Quedan en liberdade dous veciños de Caldas detidos cun quilo de haxix e marihuana
Por Oskar Viéitez
O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Caldas de Reis, ordenou a posta en liberdade dos dous veciños de Caldas de Reis detidos pola Garda Civil como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas.
Estes dous individuos, de 52 e 28 anos de idade, terán que comparecer no xulgado cando sexan requiridos.
A súa detención produciuse no marco da operación "Jarangun", que a Garda Civil dá por concluída tras a desarticulación dun importante punto de venda de drogas na localidade de Caldas de Reis.
Segundo fontes oficiais do instituto armado, a investigación iniciouse no mes de agosto do pasado ano, tras constatar a posible existencia dun punto de venda de drogas na contorna dun centro escolar.
Os axentes da Garda Civil comprobaron que un domicilio era frecuentemente visitado por consumidores de substancias psicotrópicas, co consecuente incremento da inseguridade, ademais de alarma social entre pais, alumnado e persoal docente do centro educativo situado na zona.
Con autorización xudicial os axentes procederon á entrada e rexistro neste domicilio, onde se incautou medio quilo de haxix e medio quilo de marihuana, ademais de 11.500 euros en efectivo, dúas básculas de precisión, útiles para o envasado e almacenaxe da droga, tres teléfonos móbiles, dous computadores portátiles.
Tamén tiñan unha escopeta de repetición simulada, un fusil de asalto de airsoft e unha pistola de aire comprimido.
No operativo da Garda Civil participou a Policía Local de Caldas de Reis, sendo ademais destacable a colaboración cidadá.