O PP de Ponte Caldelas pide un novo contrato para o servizo de recollida de lixo
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular de Ponte Caldelas presentará no próximo pleno unha moción coa que reclama a convocatoria dun concurso público para renovar as condicións do servizo de recollida e traslado de residuos. O contrato actual está prorrogado desde o 2017 "sen razón de ser poñendo en risco os intereses dos veciños e veciñas", critican desde a oposición.
Os populares consideran que é urxente poñer en marcha esta nova contratación despois de anunciar o alcalde que a súa intención é ligar o funcionamento do punto limpo ao novo prego de condicións que leva atrasándose máis de tres anos e que condiciona a operatividade deste servizo.
Denuncian desde a oposición que o rexedor responde con "evasivas" ante as reiteradas peticións formuladas polo Partido Popular en plenos anteriores para ecigir unha solución a este asunto.
Argumentan os populares que un novo contrato podería axudar a renovar o envellecido parque móbil e os contedores.
Nos últimos tempos, os edís do PP alertan de que se están incrementando os volumes de residuos enviados a Sogama, o que supón o aumento do custo do servizo para o Concello. Aseguran os populares que o ano anterior o Concello enviou unhas 2.110 toneladas, un 9,4 % máis que no 2019.