Teito histórico no padrón de Poio ao chegar aos 17.258 habitantes
Por Redacción
17.258 é a cifra do récord histórico de poboación que se recolle no Concello de Poio neste mes de febreiro. O persoal que se encarga de elaborar o padrón municipal constata nun informe que hai 8.694 mulleres e 8.564 homes .
O Instituto Nacional de Estatística (INE) sitúa a poboación nunha cifra lixeiramente máis baixa, 17.073 residentes censados. En todo caso, o aumento, segundo indican desde o goberno local, rexístrase grazas a que as solicitudes de altas que se tramitan a diario na Administración municipal supera á de baixas ata o punto de que durante os últimos meses rexistráronse 928 incorporacións ao padrón.
A maioría destas altas débense a cambios de residencia. Segundo informan desde o Concello, 763 persoas decidiron trasladarse doutros municipios para darse de alta en Poio, a eles súmanse outras 30 persoas procedentes do estranxeiro. Durante estes últimos meses rexistráronse 100 nacementos e 35 omisións.
En canto a baixas foron tramitadas 704, das que 597 débense a cambios de residencia, 145 defuncións e 72 a omisións ou inscricións indebidas.
Segundo o goberno que lidera Luciano Sobral, cada vez detéctase un maior número de persoas que dispoñen dunha segunda residencia no municipio e que teñen interese en empadroarse na vila.
O goberno local relaciona este feito coas novas modificacións nos impostos que se aplicarán a partir de 2022. Neste sentido, lembran que o IBI contará con bonificacións para as familias numerosas con rendas inferiores a 30.000 euros e un incremento do 25% en segundas vivendas, pero sen afectar a inmobles arrendados ou que conten con residentes empadroados en elllos.
Nos últimos 20 anos, Poio pasou de 14.271 habitantes, que se rexistraba en 2001, aos 17.258 actuais. Desde fai cinco anos superouse a barreira dos 17.000 rexistros. Para o goberno estes datos demostran que se trata dun concello "dinámico, que non deixa de crecer e que se consolida como un referente dentro da comarca". Ademais, máis do 25% da poboación de Poio atópase con idades comprendidas entre os 15 e os 39 anos.
San Salvador continúa sendo a parroquia máis poboada, contando con 7.685 persoas empadroadas. En segundo lugar atópase San Xoán con 5.473. Combarro tamén experimentou un considerable ascenso pasando de 1.221 residentes en 2019 a 1 828 en febreiro deste ano. Raxó conta con 1.201 e Samieira sitúase en 1.071.