O BNG critica o alcalde de Caldas de Reis por frustrar a ampliación do IES Aquis Celenis
Por Oskar Viéitez
O portavoz do grupo municipal do BNG en Caldas de Reis, Manuel Fariña, criticou que o alcalde Juan Manuel Rey, "rompe o seu compromiso" con Caldas e coa educación pública ao desistir da compra dos terreos necesarios para a ampliación do IES Aquis Celenis.
Di o concelleiro nacionalista que con este desistimento "frustra non só a necesaria mellora dunhas instalacións que hai anos que quedan pequenas, senón tamén a posibilidade de establecer novas opcións de futuro para as xeracións máis mozas coa oferta de ciclos de Formación Profesional na educación pública do noso concello".
Para o Bloque Nacionalista Galego, gañar espazo para albergar novos módulos de FP e aumentar a oferta formativa na educación pública non só é unha vella demanda da comunidade educativa do IES Aquis Celenis, senón que "é unha prioridade para Caldas e para o BNG", polo que a compra destes terreos constituía "un dos principais puntos do acordo para a aprobación do orzamento municipal do ano 2020 ".
Manuel Fariña lamenta que "o PSOE local parece que escolleu a inacción, aínda que iso supoña rachar os seus compromisos e acordos coa veciñanza caldense".
"Caldas non merece que un goberno municipal que abandone á súa sorte un proxecto tan necesario como a ampliación do IES e a ampliación da oferta educativa no noso concello", afirmou Fariña.
Para o BNG a ampliación do IES Aquis Celenis constitúe "un proxecto estratéxico e de futuro", pois consideran que o aumento da oferta educativa vinculada a esta ampliación "dará unha alternativa e unha opción de futuro" a moitos mozos que demandan unha alternativa na educación pública máis aló do Bacharelato "e que neste momento non atopan na nosa educación pública".
Relacionadas:
-
Caldas quere expropiar a leira María a Recha e esixe á Xunta o proxecto de ampliación do IES Aquis Celenis
Por Redacción |
-
O IES Aquis Celenis considera que a ampliación do centro en altura non permitiría ofertar ciclos formativos
Por Oskar Viéitez |
-
Estudan a posibilidade de aumentar nunha altura o edificio do instituto de Caldas de Reis
Por Redacción |
-
O Concello de Caldas retoma as negociacións para a compra de terreos que permitan ampliar o instituto
Por Redacción |