A Fiscalía considera que hai "probas suficientes" para condenar a un médico da Parda por suborno
Por Oskar Viéitez
A Fiscalía de Pontevedra ratificou a súa acusación contra un médico do Centro de Saúde da Parda por un delito continuado de suborno no xuízo con xurado que se celebra na Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra.
Coa lectura dos informes finais por parte da Fiscalía e do avogado da defensa concluíu este mércores o xuízo. O acusado enfróntase a unha petición de tres anos e medio de cárcere e a ser inhabilitado para o emprego de médico ou para cargo público relacionado co exercicio da medicina durante sete anos e medio.
O fiscal, Jesús Calles, considera que durante a vista oral presentáronse "pruebas suficientes" para acreditar que este facultativo pediu cartos a cambio de expedir certificados de defunción, cuxa emisión é gratuíta e constitúe un dereito de todo usuario da sanidade pública.
Nesta segunda sesión do xuízo compareceron empregados de varias funerarias e cidadáns que relataron como este galeno solicitoulles diñeiro por cumprimentar certificados de defunción.
En todos os casos os seus familiares faleceran nas súas casas en festivo ou fin de semana. O acusado acudía aos seus domicilios co 061 ao estar de garda. Unha vez alí, en case todos os casos confirmaba o "exitus" no rexistro de históricas clínicas do Sergas, pero pedía que os axentes funerarios acudisen ao seu despacho no centro médico para emitir o certificado de defunción. Dous empregados dunha funeraria declararon diante o tribunal que polo documento do "exitus" tamén lles quixo cobrar.
Segundo os axentes funerarios o acusado esixía o pago de distintas cantidades como 100, 70 ou 30 euros, segundo a situación. Os empregados das funerarias explicaron que accedían ao pago porque ás familias apremáballes sacar o cadáver de casa para levalo ao tanatorio ou celebrar o enterro. Aínda que tamén houbo algúns que, segundo dixeron, rexeitaron pagar e esperaron á incorporación o luns do médico de cabeceira que expediu o certificado sen custo algún.
O empregado dunha das funerarias afectadas asegurou que este médico"presumía en el sector de que todo el mundo le pagaba" e que actuaba "con impunidad y alevosía".
Algúns afectados cursaron queixas diante do Sergas e outros directamente denunciaron os feitos no xulgado. Mesmo un dos familiares que puxo unha queixa recibiu unha chamada do acusado no seu teléfono particular con "ameazas" por presentar este escrito, algo que tamén denunciou na Comisaría.
O inspector médico, Antonio Larriba, que investigou estes feitos por mor das reclamacións presentadas na área sanitaria declarou como perito neste xuízo.
En primeiro lugar Antonio Larriba insistiu en que o certificado médico é sempre gratuíto. A continuación explicou que durante a súa investigación tivo acceso ás gravacións feitas por un dos axentes funerarios nas que se oían conversacións co médico que "concordaban con los hechos denunciados" e nas que se constataban as "coacciones" feitas polo acusado.
Este inspector médico tamén destacou que este facultativo acumulaba numerosas queixas de pacientes polo trato dispensado noutros centros nos que traballou, como en Anafáns (Poio) ou na Illa de Arousa onde chegou a acumular 44 reclamacións nun só mes que estivo como substituto.
Finalmente declarou durante a vista oral a actual directora asistencial da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Sonia Fernández- Arruty, que asegurou que "cualquier médico tiene capacidad de expedir un certificado de defunción siempre que sea una muerte natural" e que o acusado, como médico de garda do Punto de Atención Continuada da Parda, "está en condiciones de emitir ese certificado" e non só iso senón que "tiene obligación de hacerlo".
Agora a maxistrada, Nélida Cid, entregará aos membros do xurado o obxecto do veredicto cunha serie de cuestións para que fundamenten e resolvan se a acusación contra este médico está probada ou non e que emitan un fallo sobre a culpabilidade do procesado.
Relacionadas:
-
Confirman cárcere e inhabilitación para o médico pontevedrés que cobraba certificados de defunción
Por Redacción |
-
Tres anos de cárcere e sete de inhabilitación para un médico que pedía cartos a cambio de expedir certificados de defunción
Por Redacción |
-
O médico acusado de cobrar por certificados de defunción, culpable dun delito de suborno
Por Natalia Puga |
-
Un médico acusado de cobrar por certificados de defunción sostén a súa inocencia: "nunca tuve ningún problema con nadie"
Por Natalia Puga |