O PSdeG-Psoe esixe a Lete Lasa que impulse a dimisión de Louzán ao fronte da Federación Galega de Fútbol
Por Redacción
Os socialistas galegos consideran que é "inexplicable" que Rafael Louzán continúe exercendo como presidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), unha vez que se fixo pública a condena de dous anos de prisión e oito de inhabilitación para ocupar un cargo público emitida polo Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra.
Esta condena fai referencia á comisión de delitos de prevaricación e fraude na etapa na que Rafael Louzán exerceu como presidente da Deputación de Pontevedra.
Desde o PSdeG-PSOE provincial afirman que o silencio do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, é un "auténtico escándalo" e os socialistas consideran que esta inacción confirma vínculos entre o PP e o máximo responsable do fútbol galego.
Indican que ampararse en que a sentenza aínda non é firme entra en contradición coa dimisión inmediata da delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, que tamén resultaba condenada nesa mesma causa e a súa solicitude de baixa no Partido Popular. Ante esta decisión, os socialistas entenden que Louzán non pode ser "nin máis nin menos".
O PSdeG-PSOE lembra que a Federación é unha entidade asociativa de carácter privado considerada de utilidade pública e sen ánimo de lucro que se regula a través da Lei do Deporte de Galicia e o decreto da Secretaría Xeral para o Deporte pola que se establecen as normas de bo goberno das Federacións deportivas en Galicia. Inciden en que a RFGF está tutelada pola Xunta de Galicia cun orzamento que supera os cinco millóns de euros, con 400.000 euros procedentes de subvencións e contratos públicos.
Nas filas do PSOE provincial consideran "inexplicable" que Louzán continúe manexando diñeiro público desde o seu cargo ao entender que "se mancha" o nome dunha institución centenaria que "debe ser exemplar".
Neste sentido, destacan que a Secretaría Xeral para o Deporte concedeu en 2020 unha subvención de 255.133 euros á Federación e establece outros vínculos entre ambas as institucións xa que os estatutos da RFGF deben ser aprobados expresamente pola Xunta e toda determinación que afecte as competicións ou ao réxime económico deben ser autorizadas pola Secretaria Xeral para o Deporte.
Ademais, alertan de que o presidente da Federación Galega de Fútbol, neste caso Rafael Louzán, ostenta a representación da Comunidade Autónoma de Galicia nas actividades e competicións deportivas. Con esta situación, os socialistas pregúntanse se Lete Lasa e Núñez Feijóo están cómodos con Louzán representando a Galicia. Por este motivo, piden que se impulse a dimisión de Louzán ao fronte da Federación malia que conte co apoio da súa xunta directiva.
Relacionadas:
-
O BNG leva ao Parlamento a reprobación de Rafael Louzán como presidente da Federación Galega de Fútbol
Por Redacción |
-
O PSOE de Moraña revela que non existe solicitude da subvención pola que Piñeiro foi condenada
Por Redacción |
-
A directiva da Federación Galega de Fútbol defende a xestión de Louzán tras a súa condena xudicial
Por Diego Espiño |
-
Louzán anuncia que recorrerá a sentenza e alega que non hai probas que amosen a súa participación nos feitos
Por Redacción |
-
Luisa Piñeiro dimite como delegada da Xunta: "Non quero prexudicar á institución que represento"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Rafael Louzán e Luisa Piñeiro, condenados a dous anos de prisión e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude
Por Natalia Puga | Creada e actualizada