Dous novos falecementos aumentan a 130 as mortes de pacientes covid na área sanitaria
Por Diego Espiño
Despois de varias xornadas sen ter que lamentar falecementos de persoas positivas en covid na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, o Servizo Galego de Saúde confirmou este mércores a morte de dous pacientes no Hospital de Montecelo e o Hospital do Salnés respectivamente.
Trátase no primeiro caso dunha muller de 82 anos, mentres que a vítima falecida no Hospital do Salnés era un home de 88 anos. Con eles elévase a 130 o número de falecementos de persoas coa infección activa.
En canto ao resto de indicadores do balance diario ofrecido ás 10.00 horas do 10 de febreiro, a área sanitaria pontevedresa sumou 76 novos contaxios de coronavirus, pero unha xornada máis o elevado número de altas epidemiolóxicas, con 162, fan descender os casos activos ata situalos nos 2.219, é dicir, 86 menos que o martes.
Onde apenas se rexistran cambios é na presión hospitalaria, con 129 persoas infectadas ingresadas nos diferentes centros, das que 20 (=) evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo e 109 (-1) fano en planta entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (91), o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (11) e o Hospital do Salnés (7).
Desde o inicio da pandemia superaron o covid 9.131 pacientes en Pontevedra e O Salnés.
Nas últimas 24 horas realizáronse 881 probas PCR, que se suman ás 151.657 efectuadas con anterioridade.
DATOS DE GALICIA
Na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 17.632, o que supón un descenso de 820. Por orde, as áreas con maior afectación son A Coruña con 4.852 (-251), seguida de Vigo 2.924 (-88), Santiago 2.542 (-182), Pontevedra 2.219 (-86), Ourense 1.886 (-105), Lugo 1.641 (-80) e Ferrol 1.568 (-28).
Do total de persoas positivas, 240 están en UCI (-8) e 975 en unidades de hospitalización (-55). Ata o momento, en Galicia hai un total de 86.359 persoas que superaron a infección (+1.500), rexistrándose 2.016 falecementos asociados ao virus, dos cales 28 foron contabilizados no último día.