Cuntis tramita medio cento de denuncias por incumprir as restricións pola covid-19
Por Redacción
Ata 49 denuncias está a tramitar o Concello de Cuntis contra persoas que incumpriron as restricións vixentes pola pandemia de covid-19. Con todo, aseguran que esta cifra será mesmo maior, xa que faltan por contar as elevadas sancións impostas a pasada fin de semana.
Ante os reiterados incumprimentos, desde o goberno municipal solicitaron ás autoridades un incremento dos controis de seguridade, principalmente para vixiar a mobilidade entre concellos.
Os dispositivos realizados pola Policía Local e Garda Civil deron os seus froitos posto que se notificou un número moi elevado de denuncias, principalmente por saltarse o peche perimetral.
Foron sancionadas tanto persoas de fóra que se atopaban sen causa xustificada en Cuntis como veciños da vila desprazados a outros municipios por motivos non esenciais e desprazamentos dentro do propio municipio sen circunstancias concorrentes.
O alcalde, Manuel Campos, sinala que "lonxe de relaxarnos" hai que extremar as precaucións e por iso avanzou que se intensificarán aínda máis os controis de seguridade durante estes días e durante a próxima fin de semana.
"Non podemos permitir que o comportamento pouco responsable dunha minoría poña en risco a saúde da maioría da poboación que se sacrifica e cumpre as normas, por iso imos ser moi estritos", subliña o rexedor, que recorda que o estado de alarma segue en vigor.