Reformarán a cuberta do pavillón de Cerdedo para acabar coas humidades
Por Redacción
Unha empresa do municipio será a encargada de acometer as obras de reforma da cuberta do pavillón de deportes de Cerdedo. O obxectivo destes traballos, nos que se investirán 22.616 euros, é acabar cos problemas de filtracións e humidades.
Esta obra vaise a sufragar grazas aos aforros de Cerdedo-Cotobade nos procesos de contratación do Plan Concellos da Deputación, segundo explica o goberno municipal.
A cuberta está realizada por cobertura chapa tipo sándwich apoiada en grandes vigas e correas de madeira laminada que se alternan con chapas translúcidas para o paso da luz.
As obras a realizar deben estar rematadas antes do mes de xuño e céntranse no peto do canlón interior. Contemplan o selado e impermeabilización ademais do pintado do encontro de xuntas da chapa.
Por outra banda, aproveitarase esta intervención para reparar os aleiros perimetrais de formigón armado e a colocación das chapas translúcidas que están deterioradas, ademais de para cambiar os tornos e selar ben os paneis.
O alcalde, Jorge Cubela, salientou a importancia destas instalacións municipais que permiten unha versatilidade na práctica de hábitos deportivos e saudables entre a veciñanza.
Con esta actuación, engadiu o rexedor, solucionarase un problema que afectaba non só á seguridade na práctica deportiva dos usuarios senón tamén á conservación e o mantemento das propias instalacións.