Poio gastou 476.803 euros en consumo eléctrico en 2020, o máis baixo nos últimos 8 anos
Por Redacción
A cantidade de euros gastados en consumo eléctrico durante os doce meses de 2020 foi de 476.803 euros no municipio de Poio, unha cifra que se obtén do informe elaborado polos técnicos do Concello.
Con este resultado, o goberno local sinala que se mantén a tendencia á baixa que se consolida desde fai un lustro e esta cifra reflicte que son os máis de 200.000 euros de aforro que se lograron entre 2013 e o 2020, cun descenso na factura de preto dun 30%, naquel ano o gasto ascendía a un total de 676.805 euros.
O investimento en 2019 chegou a 505.901 euros, cun aforro de preto dun 6%, algo máis de 29.000 euros. O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica Gregorio Agís sinala que as diferentes actuacións relacionadas coa eficiencia enerxética axuda a ir rebaixando este gasto. A intención é que, durante os próximos anos, se desenvolvan máis accións para mellorar o consumo enerxético.
Está previsto que proximamente se dote de novas luminarias Led a distintos puntos do municipio. Instalaranse máis de 500 unidades cun investimento de 200.000 euros procedentes de fondos europeos Feder e da Deputación de Pontevedra.
Gregorio Agís recoñece que para instalar estas novas luminarias tense en conta o estado das antigas e aténdense diferentes criterios coma se hai continuidade a vías ou espazos acondicionados recentemente.
A Praza da Chousa, en Combarro, ou a alameda do Mosteiro de San Xoán serán dous dos espazos que contarán con novas luminarias nun breve prazo de tempo.
O concelleiro afirma que resulta complicado reducir os custos do consumo eléctrico debido ao período marcado pola suba constante do prezo da electricidade destes últimos anos.
No Concello de Poio, en 2020 o 72% da contía total, algo máis de 344.000 euros, destinábanse a iluminación pública. As instalacións deportivas achegáronse aos 20.000 euros, tendo presente que o pavillón da Seca e o ximnasio municipal acaban de reformarse para adecuarse ás normas de eficiencia enerxética. Tamén se busca este obxectivo coa reforma integral do edificio do Concello de Poio, cunha nova cuberta con illamento térmico.
A medio prazo, o goberno local ten previsto renovar preto de 2.700 luminarias, que pasarán a ser Led, con fondos do IDAE de ao redor de 980.000 euros. Con esta iniciativa, aprobada no pleno de outubro de 2020, espérase aforrar preto dun millón de euros nun prazo de 15 anos.