O Concello de Poio ofrece compost para hortas e terreos a toda a veciñanza
Por Redacción
O Concello de Poio pon a disposición da cidadanía o compost resultante do tratamento que se realiza no Centro de Compostaxe Comunitario (CCC) situado na Rúa Rosalía de Castro, no núcleo da parroquia de San Salvador.
A Administración municipal ofrece este fertilizante natural para todas aquelas persoas que estean interesados en utilizalo, de xeito totalmente gratuíto. Esta doazón é posible grazas ao éxito que está a ter este dispositivo, que xerou unha resposta espectacular por parte da veciñanza desta contorna á hora de depositar alí os restos orgánicos para o seu posterior tratamento.
Tal e como indica o Goberno local, este compost poderá ser solicitado por persoas que sexan veciñas de Poio. Darase prioridade aos xa están rexistrados como usuarios do compost comunitario, pero saliéntase que a oferta esténdese á veciñanza de todas as parroquias do municipio. Para dispor del, basta con poñerse en contacto telefónico coa mestra composteira, a través do número de teléfono 604025288, en horario de 8.30 a 14.30 horas.
Este compost é un fertilizante natural, válido para agricultura ecolóxica, e que é resultado de mesturar restos orgánicos que entrega a veciñanza con madeira triturada, logo de pasar polo pertinente proceso de compostaxe. O Concello lembra que, ademais de en macetas, tamén se pode facer uso del para hortas, froiteiras ou para facer de cobertor ou traballos de aboado de fondo.
Deste xeito, as persoas interesadas poderán especificar que cantidades precisan e se lles fará entrega do compost mediante sacos. Este servizo é gratuíto, se ben os usuarios deberán devolver os sacos limpos ou repoñelos en caso de que sufran algún desperfecto. A veciñanza pode obter máis información sobre este servizo a través da páxina web do Concello.
Cómpre lembrar que, en vista da gran resposta por parte da cidadanía á hora de utilizar este servizo, a Concellería de Obras e Servizos ten previsto aumentar o número de composteiros comunitarios no núcleo de San Salvador, algo que se levará a cabo proximamente. Deste xeito, apóstase por habilitar estes recipientes en lugares como as inmediacións do parque de Ánkar, Ferreirós ou A Caeira.