Os servizos sociais de Poio, principal apoio para máis de 400 familias durante a pandemia
Por Redacción
Máis de 400 familias recibiron axuda durante o ano 2020 por parte dos Servizos Sociais de Poio. Trátase de axuda prestada a través de diferentes servizos que resultaron fundamentais nun ano marcado pola covid-19 e a crise económica resultante da crise sanitaria.
Neste senso, desde o departamento de Servizos Sociais lembran que impulsaron diferentes prestacións para axudar á poboación que máis sufriu as consecuencias da pandemia e que de cara a 2021, o investimento destinado a Servizos Sociais superará o 1,2 millóns de euros, tal e como figura no Orzamento municipal.
Un dos apartados nos que se experimenta un forte incremento é no Fondo de Emerxencia, que pasa a 50.000 euros. En todo caso, a concelleira responsable desta área, a socialista Rosa Fernández, explica que, ao igual que en 2020, esta partida aumentarase en caso de que sexa preciso.
Durante o ano 2020 un total de 263 familias recibiron axuda a través deste Fondo de Emerxencia Social, cun investimento que superou os 65.000 euros anuais. Esta contía é o dobre do que figuraba inicialmente no Orzamento correspondente ao pasado exercicio (32.000 euros).
Fernández González lembra que a pandemia "deixou a moita xente nunha situación económica moi precaria", de aí que o goberno de Poio apostara por ir aumentando o fondo. A través desta iniciativa, sufragáronse custos de primeira necesidade para poboación que non dispón de recursos para facer fronte a compras de produtos de primeira necesidade e o pagamento de facturas de consumo eléctrico ou alugueiro.
Do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) beneficiáronse máis de medio cento de familias en Poio. O servizo está valorado en 400.000 euros, dos que o Concello achega máis de 83.000 e o resto corresponde á Xunta de Galicia.
Ademais, Servizos Sociais asesora 200 familias na revisión das Pensións Non Contributivas e mantén programas como 'Saudemente', que tivo que adaptarse ás circunstancias da pandemia, pasando a entregar vivenda por vivenda exercicios e fichas para que as persoas inscritas puidesen seguir exercitando a memoria nas súas casas.
Tamén continúa en marcha o programa 'Ata máis ver’, a través do cal se establece contacto telefónico periódico con persoas maiores que viven soas.
Como resumo, Rosa Fernández asegura que Servizos Sociais traballa "para que ningún veciño ou veciña que acredite atoparse nunha situación de risco económico ou exclusión quede desamparado".