'Welcome day' para 28 alumnos estranxeiros do Campus de Pontevedra
Por Redacción
A Universidade deu este martes a benvida aos 28 alumnos que este curso elixiron Pontevedra para cursar os seus estudos. Uns estarán só o primeiro cuadrimestre, outros pasarán aquí todo o curso, pero todos teñen en común o interese por coñecer outro país, outras linguas, outras formas de vivir e tamén de estudar.
Entre as moitas indicacións e consellos que recibiron neste día de benvida excursións, actividades deportivas, cursos...- o novo alumnado internacional recolleu tamén a "Guvipedi@", unha guía de supervivencia en inglés para que poidan acceder de xeito inmediato a toda a oferta de servizos, tanto académicos como extracadémicos, que ten a Universidade.
Aos estudantes que chegan coa versión máis tradicional do Erasmus, súmanse aqueles que veñen formando parte das novas versións do programa.
Procedentes de distintos países de Europa, América Latina e incluso do norte de África. A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación concentra o maior número de estudantes de intercambio, 19 alumnos, seguida da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde cursarán os seus estudos seis mozos. A Facultade de Belas Artes e a Escola de Enxeñaría Forestal acollen ao resto do alumnado.
Tal e como salientou a vicerreitora do campus Antonia Blanco, no acto de benvida celebrado esta mañá na Casa das Campás, está previsto que no segundo cuadrimestre esta cifra se incremente notablemente.
Valentina Viana é unha destas novas alumnas. Esta moza deixou o seu país natal, Uruguai, para cursar o seu último ano de carreira na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Durante os próximos catro meses, Viana estudará Publicidade e Relacións Públicas, unha titulación moi semellante á que está a cursar na Universidade Católica de Uruguai. Viana está moi agradecida co persoal da Oficina de Relacións Internacionais ao axudárenlle, entre outras cousas, a buscar un piso na cidade.
Tamén optou por esta opción para mellorar o seu español Mihail Danailov, un búlgaro que estudará tamén Comunicación Audiovisual en Pontevedra, para continuar coa formación recibida, ao igual que Wick e Zefferer, na universidade austríaca de Klagenfurt.
Máis sorte tivo o italiano Joseph Igbeare que contou coa axuda dun estudante da Universidade de Vigo para instalarse na cidade. Ambos os dous coñecéronse durante unha estadía de intercambio que o estudante galego realizou na Universidade Urbino Carlo Bo. Igbeare está namorado de España e tamén de Galicia e aínda que ten certos coñecementos do idioma acude cada tarde ao campus de Vigo para realizar un curso de español. A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte será a súa casa durante os próximos meses, un espazo que o sorprendeu moito ao estar moito máis equipado que o centro de estudos do seu país de orixe, onde tamén estuda Ciencias da Actividade Física e do Deporte.