A CIG sae á rúa nunha protesta "imprescindible" para reclamar unha saída galega xusta á crise
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
Saír á rúa e protestar ante as inxustizas que se están cometendo a nivel económico e laboral "non é só que sexa importante, senón que é imprescindible", tamén en época de covid.
Así o asegura o secretario comarcal de CIG en Pontevedra, Marcos Conde, nunha xornada de domingo no que a central sindical tiña convocadas 18 mobilizacións repartidas por toda Galicia para reclamar unha saída xusta e galega á crise, entre elas en Pontevedra e Vilagarcía.
Tomando as medidas de prevención e seguridade necesarias, unha dobre marcha percorreu Pontevedra con saída desde o Hospital Provincial e San Roque e tamén Vilagarcía (desde as rotondas de Ramal e Piñeiriño).
"O que queremos é visibilizar a situación, sobre todo porque o conxunto dos traballadores se teñen que dar conta de que hai que protestar, senón o que nos estamos atopando é que dun día para outro se modifican condicións laborais, se aplican ERES, ERTES, hai despidos...", defende Conde.
Dentro desta campaña de protesta, a CIG esixe políticas que permitan afrontar unha recuperación económica e social con emprego, salarios e pensións dignas, asegurando que para iso é necesario a derrogación total das reformas laborais de 2010 e 2012 e das reformas das pensións de 2011 e 2013.
"Estamos observando que cada medida que se toma por parte do Goberno ou as administracións o que está xerando cada unha delas é cada vez máis precariedade", sinala o responsable comarcal do sindicato nacionalista coa preocupación de que "vemos que cada vez os traballadores están máis cerca de ser escravos que de ter un traballo digno", e mentres iso pase, asegura a CIG "seguirá saíndo á rúa".