A Universidade de Canberra elabora un estudo sobre o efecto PO2
Por Redacción
O Efecto PO2 está sendo de grande interese no exterior. Segundo informou o Concello de Pontevedra, dous profesores da Universidade de Nova Gales do Sur, en Canberra, interesáronse no exemplo que é Pontevedra en canto a saúde humana, ambiental e económica para elaborar un artigo para a edición australiana da revista 'The Conversation'.
Esta petición procede do profesor honorario da facultade de Ciencias, Paul Tranter, solicitando ao Concello unha galería de imaxes para a publicación dixital de unha rede de medios de comunicación sen fins de lucro que publica artigos de académicos e investigadores de todo o mundo con máis de 40 millóns de seguidores.
Así mesmo, segundo o Concello, aínda que a pandemia supuxo un freo para unha gran parte da actividade social do mundo, "o interese que noutras zonas do planeta se ten por Pontevedra continúa vivo". De feito, destacan que "un dos principais atractivos nestes momentos é a calidade de vida que ofrece aos veciños e veciñas".
A orixe desta publicación de 'The Conversation' é o libro publicado por ambos investigadores chamado 'Slow Cities: Conquering our speed addiction for health and sustainability, Amsterdam, Elsevier', no que tamén fan referencia a Pontevedra, tal e como eles lle fixeron chegar ao departamento de Promoción da Cidade que dirixe Anabel Gulías.
Neste novo artigo pretenden desenvolver as ideas que plasmaron nese libro, no que se recolle "un estudo de caso sobre o exitoso slowing de Pontevedra" e recoñecen que "Pontevedra é un exemplo destacado das ideas que promovemos na publicación".
News break en EE.UU
A finais do pasado mes de xaneiro, a revista dixital en app, 'News Break', tamén se puxo en contacto co departamento dirixido por Anabel Gulías para realizar unha reportaxe na que compara a calidade de vida e a beleza cidade do Lérez con Ponte Vedra Beach, unha localidade turística de Florida de alto nivel de vida.
Amoradí
O Concello alicantino de Amoradí tamén solicitou ao departamento de Pormoción da Cidade material de Pontevedra e do desenvolvemento do modelo de cidade para poñer en marcha, a través da Concellería de Educación, o Consello dos Nenos e das Nenas.
Efecto Doppler
Por último, o Efecto PO2 tamén foi obxecto de estudo no programa de RN3 Efecto Doppler na sección 'Mira tu calle', onde pretendían dar a coñecer a iniciativa de dedicar o espazo público para as necesidades escolares en época covid.
En concreto, o concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez foi entrevistado polo arquitecto e profesor de arquitectura, Alberto Nanclares, sobre o peche das rúas Raíña Victoria e Alfonso XIII para destinalos a patios de colexio. Tamén mencionaron á actuación previa na praza de Barcelos. O entrevistador comparou Pontevedra e Nova York (o barrio de Harlem) onde se pecharon prazas e rúas para que sexan patio de colexio e lugares amplos con motivo da pandemia.
Relacionadas:
-
Obradoiros de hidroloxía para sensibilizar a escolares sobre a importancia da auga
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
VÍDEO.- O 'Efecto PO2' estrea nova peza audiovisual para mostrar Pontevedra como espazo "san e seguro"
Por Redacción |
-
Pontevedra e o seu modelo de cidade participan no I Congreso de Centros Comerciais Abertos e Urbanos
Por Redacción |
-
A calidade do aire de Pontevedra cumpre nun 99,9% as directrices da OMS
Por Oskar Viéitez |
-
A campaña Efecto PO2 chegará aos máis pequenos
Por María José Pita |
-
Pontevedra estrea vídeo para celebrar o premio Urban Safety Road sobre mobilidade
Por Redacción |