O número de empresas en Sanxenxo creceu un 2,94 % durante o 2019
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo fai públicos os datos de creación de empresas correspondentes ao ano 2019 cun incremento, segundo datos compartidos polo goberno local, do 2,94% para alcanzar unha cifra total de 1.934.
En referencia un estudo publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE), desde o executivo que encabeza Telmo Martín destacan que o carácter emprendedor do municipio "non é unha novidade. É unha longa tradición sen a cal nunca se podería converter no primeiro destino turístico do norte de España no verán".
A cifra alcanzada por Sanxenxo supera a media galega (0,47%) e a da provincia de Pontevedra (1,12%). "Pero tamén a dunha cidade tan dinámica e puxante, economicamente falando, como é Vigo (1,30%), así como as cifras de Pontevedra (1,89%) e Vilagarcía de Arousa (1,64%)", recolle o comunicado do Concello.
Do total de empresas sanxenxinas, 1.283 corresponden ao sector servizos; 338, á agricultura e pesca; 202, á construción; e 111 son industriais.
Ademais, desde o Concello engaden os sectores que empregan ás persoas que traballan no municipio con data de decembro do 2020. O sector servizos dá traballo a 4.198 persoas (70 %), 644 persoas están empregadas na construción (10,8 %); 643, na industria (10,7 %); e 455, na agricultura ou pesca (8,5 %).