O cribado realizado en Poio detecta 41 positivos entre as máis de 6.000 mostras analizadas
Por Manu Otero
Os cribados poboacionais con test de saliva efectuados no Concello de Poio polo Servizo Galego de Saúde serviron para detectar 41 casos positivos de covid-19, unha cifra que representa o 0,66% do total de todas as mostras recollidas durante esta campaña.
A estes 41 positivos citaráselles para realizar unha proba PCR que confirme o resultado, segundo explicou o xerente da área sanitaria de Pontevedra, José Ramón Gómez. Tamén se chamará a un "pequeno número" de pacientes cuxas mostras non se puideron procesar "por razóns técnicas".
Esta actuación, que tivo lugar na chaira da Seca de Poio entre o 30 de xaneiro e o 2 de febreiro, contou coa participación voluntaria de 6.462 persoas, o 82 % de todos os convocados, que eran persoas de entre 15 e 50 anos. Finalmente recolléronse 6.170 tubos, o que refire unha porcentaxe do 95,5 % de todos os tubos entregados e do 78,5 % da cidadanía poiense convocada ao cribado.
Para facer realidade esta iniciativa, o Sergas despregou en Poio a quince profesionais coordinados por un médico que efectuaron tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado de mostras e información aos usuarios.
Despois de ser analizadas no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, os resultados negativos foron comunicados por SMS, mentres que os positivos notifícanse de forma individual a cada cidadán.
Pola contra, os resultados da campaña similar levada a cabo polo Sergas no poboado do Vao non foron aínda comunicados.