Pontevedra ilumínase de verde pola loita contra o cancro
Por Oskar Viéitez
A sede da Deputación, o Hospital Provincial, a Casa do Concello de Pontevedra, as pontes das Correntes e o Burgo, o Edificio Castelao do Museo, foron algúns dos enclaves da cidade do Lérez que este xoves se sumaron á conmemoración do Día Mundial contra o Cancro sendo iluminandos de verde.
Únense así á demanda da Asociación Española Contra o Cancro para visibilizar e difundir esta doenza e concienciar á sociedade, máis se cabe nun ano tan difícil como este, pola especial incidencia que ten a covid-19 na enfermidade.
O Día Mundial Contra o Cancro celébrase cada ano o 4 de febreiro promovido pola Organización Mundial da Saúde, o Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro e a Unión Internacional contra o Cancro. O principal obxectivo desta efeméride, que este ano mantén o lema do ano pasado "Eu son e vou a", consiste na mobilización social para avanzar cara a prevención, investigación e control desta doenza, facendo un chamamento á participación e compromiso de todos.
Cada ano diagnostícanse no mundo máis de 14 millóns de casos novos de cancro, unha enfermidade que provoca máis de 9,6 millóns de mortes ao ano.
Segundo os últimos estudos prevese que un de cada dous homes e unha de cada tres mulleres teña cancro nalgún momento da súa vida. A prevención é fundamental nesta doenza para poder incrementar as posibilidades de curación e mellorar a calidade de vida das persoas que a padecen.