Vilagarcía xa dispón de tres novos parques caninos nas zonas de Carril, O Piñeiriño e Fexdega
Os donos de cans xa dispoñen de tres novos espazos en Vilagarcía para o recreo e para exercitar as súas mascotas. Son os novos parques caninos de nova construción que o Concello acaba de rematar nas zonas de Carril (A Tomada), no Piñeiriño e en Fexdega, e que se suman ao xa existente en Fexdega e á praia canina do Castelete. O Concello investiu case 50.000 euros na construción e equipamento destes tres novos parques para o esparexemento dos cans. As concelleiras de Benestar Animal, Matilde Laya, e a de Urbanismo, Paola María, inspeccionaron as instalacións.
Independentemente do seu tamaño, que se adapta á dispoñibilidade de cada zona. Os tres novos parques caninos teñen características similares. Están valados perimetralmente para que os cans poidan correr libres polo recinto sen temor a que se escapen. O peche está feito a base de listóns de madeira de colores 1,2 metros de alto e unha separación entre barrotes non superior aos 5 centímetros, a efectos de evitar que se poidan colar os cans de menor tamaño. Os recintos contan con acceso de dobre porta e zona intermedia onde os donos poden quitar e colocar comodamente a correa aos cans á entrada e saída do recinto. En canto aos equipamentos, os parques están dotados de papeleira con dispensador de bolsas para a recollida de excrementos, papeleiras xenéricas, bancos para as persoas e fonte con dúas billas, unha delas dotada de pila onde poden beber os cans. Cada recinto ten na súa entrada un panel informativo sobre o as normas de uso das instalacións.
O novo espazo habilitado Fexdega está situado xusto a carón do primeiro parque de xogos canino e ten unha superficie de 1.192 metros cadrados. O parque canino do Piñeiriño sitúase xunto ao parque público e suma 816 metros cadrados destinados exclusivamente ao esparexemento dos cans. Por último, a instalación da Tomada dispón de 1.563 metros de superficie.
O goberno socialista creou no anterior mandado o primeiro parque canino do Concello, unha infraestrutura demandada tanto polos donos de mascotas como polo resto da cidadanía, xa que a dispoñibilidade de recintos exclusivos para cans garantiría o benestar dos propios animais que disporían do seu espazo para exercitarse e xogar con outros animais sen necesidade de usar parques, zonas verdes ou outros espazos públicos pensados para o goce e esparexemento de persoas. Ademais, esta separación e evita os típicos problemas de hixiene e limpeza e facilita a convivencia entre cans e persoas.