Expectación polos cribados nas farmacias á espera da chegada dos kits
Por Manu Otero & Mónica Patxot
A experiencia piloto para realizar cribados á poboación nas farmacias de Pontevedra púxose en marcha este xoves en tres establecementos de distintos barrios da cidade. Aínda que os tests non chegarán a estes locais ata esta tarde, durante toda a mañá foi incesante o goteo de pacientes que chegaban para interesarse sobre esta novidade e solicitar a súa proba.
"Espertou moitísimo interese, recibimos chamadas toda a mañá e xente que se pasou por aquí a preguntar, pero ata esta tarde non recibiremos os kits", explica Loreto Iglesias, titular da farmacia de Monte Porreiro. Pola avalancha de peticións que prevén, xa decidiron reorganizar os espazos na farmacia con dúas colas diferenciadas para garantir a distancia de seguridade: unha para o cribado e outra para o resto de pacientes.
Tamén en Campolongo, na rúa General Rubín, notaron o interese da poboación nesta campaña. "Coas redes sociais e o boca a boca, a xente xa o sabe e está moi interesada en participar. A todo o mundo interésanos saber como estamos", recoñece a propietaria Nora Turrillas.
O procedemento para realizar a proba é moi sinxelo. "Entrégase un kit ao paciente que consta dun tubiño e un embude. Quítase a tapa do tubo, colocas o embude e sobre el depositas a primeira saliva. Sen comer, nin fumar, nin beber 8 horas antes. Pechas o tubiño e entrégalo á farmacia antes das 10.30 horas, que é cando veñen recoller as mostras para analizalas", explica a farmacéutica.
Para garantir a calidade da mostra, recomendan recoller a saliva en xaxún, despois de levantarse e comprobar que non teña demasiadas burbullas.
Pero non todo o mundo poderá acceder a esta proba, que é completamente gratuíta e polas que as farmacias non reciben ningún tipo de compensación económica. Os requisitos para realizar o test son estar entre 40 e 64 anos de idade, ter tarxeta sanitaria e móbil para recibir a notificación do resultado da proba, non ter pasado a covid-19 no últimos tres meses anteriores, non facerse unha PCR 15 días antes, non traballar en centros de maiores e non ter síntomas relacionados coa covid-19.
Esta experiencia piloto prolongarase durante esta semana, a partir da próxima incorporaranse máis de 200 farmacias de toda a provincia. "É un proxecto moi interesante porque permite aproveitar a capacidade das farmacias de chegar a toda a poboación", destaca Turrillas. "Todo o que sexa detectar asintomáticos e axudar a superar a pandemia, nós encantados", engade Iglesias.
As farmacias adheridas a este proxecto piloto en Pontevedra son Farmacia Campolongo, en General Rubín; Farmacia José Negreira, en Pintor Laxeiro; e Farmacia Loreto Iglesias, en Monte Porreiro.
Relacionadas:
-
A cidadanía acode masivamente ás farmacias para solicitar os kits de recollida de saliva
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Listaxe actualizada coas 347 farmacias da provincia que participarán no cribado de covid
Por Diego Espiño |
-
O alto número de farmacias adherido á campaña de cribados obriga a atrasar o seu inicio ao martes
Por Diego Espiño |
-
Estas son todas as farmacias da provincia participantes no cribado Covid-19
Por Oskar Viéitez |
-
"Todos temos unha farmacia preto, é moi cómodo e unha boa forma de detectar asintomáticos"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Cinco novas mortes por covid en Montecelo e Galicia eleva a 1910 os falecementos pola pandemia
Por Redacción |
-
As farmacias de Pontevedra poñen en marcha un cribado poboacional pioneiro
Por Oskar Viéitez |