Duelo ante o fogón entre Pepe Solla e Pepe Rodríguez no Pazo Baión
Por Redacción
O Pazo Baión (Vilanova de Arousa) acolle este mércores 18 a partir das 18 horas un encontro con 68 profesionais da cociña para coñecer os secretos da gastronomía. Dous cociñeiros de prestixio como Pepe Solla e Pepe Rodríguez, ámbolos gañadores dunha Estrela Michelín, serán os encargados de ofrecer os seus coñecementos aos asistentes a este 'showcooking'.
Pepe Solla encargarase de cociñar no denominado "Territorio Salgado". Desta forma, os participantes deste evento van coñecer de que forma o mellor cociñeiro galego en 2013 elabora un prato de avangarda.
Pepe Rodríguez, xurado do programa Masterchef de Televisión Española, elaborará un prato clásico pero realizando unha reinterpretación da cociña tradicional castelá.
O acto rematará coa organización dun 'networking' na que os cociñeiros asistentes poderán realizar as súas preguntas e aportacións aos poñentes. Ao mesmo tempo servirase polbo á forma tradicional galega acompañado dun bo viño.
Este evento será presentado polo cociñeiro galego Antonio Botana que rexenta o restaurante Pandemonium de Cambados.